Este xoves 12 reuníase a dirección de Recursos Humanos, dirección asistencial e xerencia con representantes da xunta de persoal do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra para informar sobre todas as medidas postas en marcha con motivo do incremento de casos de coronavirus na área sanitaria de Pontevedra.
Os representantes sindicais indican que detectaron un cambio de actitude por parte da xerencia e comprobaron que agora se atopan máis activos e xa non se limitan a unha transmisión da documentación cedida por parte da adminsitración central por vía on-line como viña sucedendo nas anteriores semanas.
Os sindicatos Co. Bas, Prosagap, TSP e CESM afirman nun comunicado que solicitaron información e formación presencial para todas as categorías de persoal para abordar a situación provocada polo coronavirus, ademais dunha maior implicación e seguimento por parte do equipo de riscos laborais.
A xerencia sinala que polo momento hai recursos materiais para abordar esta crise pero desde os sindicatos apuntan a que, se a situación se agrava, se poiden atopar desabastecidos se non se forza unha maior produción de recursos.
Tamén se solicitou, pola parte sindical, máis persoal en todas as seccións onde se está incrementado a carga de traballo por motivo da atención de casos de COVID-19.
Ademais, os representantes dos traballadores piden máis información para a cidadanía para que saiban en todo momento que medidas deben adoptar, a través de cartelería, información visual e toda aquela que evite alarmismo.
Rafael Vázquez e David Abalde, delegados da xunta de persoal, sinalan que, unha vez que se supere esta situación de crise, será necesario que a xerencia atenda todas as reivindicacións que se demandan desde hai tempo para evitar que se produzan situacións complicadas.