Representantes do BNG visitan o Monte Castrove para mostrar a súa oposición ao proxecto de parque eólico

Poio
31 de xullo 2021

Representantes e militantes do BNG visitaron o Monte Castrove para mostrar a súa oposición ao proxecto de parque eólico. O deputado nacionalista, Luís Bará, alertou de que se trata dun proxecto "que corresponde a un modelo depredador do territorio" e "é só a punta de lanza dun de máis envergadura, xa que forma parte dunha area de desenvolvemento eólico de varios miles de hectáreas"

Concentración do BNG en Monte Castrove
Concentración do BNG en Monte Castrove / BNG

Representantes e militantes do BNG visitaron o Monte Castrove para mostrar a súa oposición ao proxecto de parque eólico. O deputado nacionalista, Luís Bará, calificou o proxecto como "moi agresivo" e fixo fincapé en que suporía "unha grande desfeita no territorio polas obras de construción, de apertura de grandes viais, de canalizacións e polos propios aeroxeradores e a súa subestación, que terían un grande impacto no ecosistema, no patrimonio cultural e natural da contorna, e nos recursos hídricos".

Tamén alertou de que se trata dun proxecto "que corresponde a un modelo depredador do territorio" e "é só a punta de lanza dun de máis envergadura, xa que forma parte dunha area de desenvolvemento eólico de varios miles de hectáreas".

Neste senso, Bará destacou a amplitude do parque (case 600 hectáreas), polo que o parque estaría formado por 4 grandes aeroxeradores de perto de 200 metros de altura, e defende un "modelo alternativo que pasa porque a enerxía eólica estea ao servizo de Galiza e das comunidades locais".

Pola súa banda, a deputada do Salnés, Montse Prado, o portavoz do BNG en Meis, Xoán Manuel Vázquez, e o alcalde de Poio, Luciano Sobral, en representación dos concellos afectados, manifestaron que agardan a unanimidade dos grupos políticos das corporacións contra o proxecto e avanzaron que, en paralelo ás alegacións que se van presentar, apoiarán todas as mobilizacións e accións que sexan necesarias para frear o Parque Eólico do Monte Castrove.

 

 

 

Arquivado en