Representantes do BNG interésanse pola investigación sobre a prevención de incendios da Escola de Enxeñería Forestal

Pontevedra
16 de febreiro 2022

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, acompañada do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, mantivo este mércores un encontro co equipo de dirección da Escola de Enxeñería Forestal para abordar a situación do sector forestal, do monte e de como resolver un dos principais problemas ambientais como son os incendios forestais

Visita de representantes do BNG á Escola de Enxeñería Forestal
Visita de representantes do BNG á Escola de Enxeñería Forestal / Universidade de Vigo

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, acompañada do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, mantivo este mércores un encontro co equipo de dirección da Escola de Enxeñería Forestal para abordar a situación do sector forestal, do monte e de como resolver un dos principais problemas ambientais como son os incendios forestais. 

A profesora e investigadora Julia Armesto explicoulles os detalles do proxecto Paleointerfaz, que ten como obxectivo central o desenvolvemento de ferramentas e estratexias de xestión integrada que contribúan, conxuntamente, á prevención de incendios forestais e á protección de xacementos arqueolóxicos como os petroglifos. 

Coordinado desde a Escola de Enxeñería Forestal. este proxecto estatal seleccionado na convocatoria de proxectos de I+D+i Retos de Investigación, do Ministerio de Ciencia e Innovación, centrou en boa medida o encontro que responsables e docentes da escola mantiveron este mércores cos representantes do BNG.

Esta visita, tal e como salientou o director da EE Forestal, Juan Picos, foi unha "boa oportunidade" para dar a coñecer o traballo de investigación que se desenvolve na escola.

Pontón destacou que "é fundamental ter un maior coñecemento do territorio e dos incendios" e trasladou o seu "recoñecemento" á escola e a unha liña de traballo "que permite abordar algo moi imporante, que é como a protección do patrimonio pode ser tamén un elemento de protección fronte aos lumes forestais". 

Nese mesmo senso, Fernández Lores subliñou que se trata dun "proxecto que nos ten que dar moitas claves de como podemos, investindo diñeiro público e cun coñecemento profundo dos datos e das masas forestais, tratar de evitar estes incendios", á vez que subliñou que a EE Forestal é "unha escola da que estamos orgullosos". 

Neste encontro, que se completou cunha visita ás instalacións do centro, participaron tamén a portavoz parlamentaria de política forestal do BNG, María Albert, e os concelleiros Demetrio Gómez e Alberto Oubiña.

 

Arquivado en