Representantes do Bloco de Esquerdas buscan en Pontevedra propostas para Braga, Famaliçao e Guimarães

Pontevedra
08 de xuño 2017

O voceiro do grupo municipal do Partido Popular, Jacobo Moreira amosou a súa indignación ante el recibimento do alcalde á candidata do Bloco de Esquerda á Cámara Municipal de Braga, "Lores volve a empregar a casa de todos os pontevedreses como sede do BNG en Pontevedra"

Visita a cidade de responsables do Bloco de Esquerda nas Câmaras municipais de Braga, Vilanova de Famaliçao e Guimarães
Visita a cidade de responsables do Bloco de Esquerda nas Câmaras municipais de Braga, Vilanova de Famaliçao e Guimarães / Mónica Patxot

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores reuniuse este xoves con varios responsables do Bloco de Esquerda das câmaras municipais de Braga, Vilanova de Famaliçao e Guimarães que se achegaron a Pontevedra para coñecer o modelo de cidade. O alcalde explicou que o Concello está "encantado de recibir todo tipo de visitas", dado que as relacións institucionais son "cordiais con todos os partidos políticos", e acompañou aos visitantes a coñecer a cidade.

Paula Nogueira, candidata do Bloco á alcaldía de Braga, fixo de portavoz da comitiva e explicou que "Pontevedra é un caso de estudo sobre o modelo da cidade alternativa", especialmente na socioloxía da infancia, xa que "unha cidade amiga das crianzas, é unha cidade amiga de todo o mundo".

Destacou que "a revolución urbana contribuíu a facer unha cidade amiga das crianzas pero tamén unha cidade máis sustentábel dende o punto de vista medio ambiental, autónoma e máis humana", situacións que non se dan "nin en Braga nin en Famaliçao e un pouco en Guimarães".

Os representantes do Bloco de Esquerda querían coñecer en Pontevedra prácticas que despois trasladarán aos seus programas electorais das citas autárquicas do 1 de outubro.

CRÍTICAS DO PP

O voceiro do grupo municipal do Partido Popular, Jacobo Moreira amosou a súa indignación ante el recibimento do alcalde á candidata do Bloco de Esquerda á Cámara Municipal de Braga, "Lores volve a empregar a casa de todos os pontevedreses como sede do BNG en Pontevedra".

"Moitos veciños de Pontevedra continúan esperando que o seu alcalde os reciba para tratar asuntos de verdadeira importancia para a cidade, nalgúns casos pódese falar de anos. Lores non se reúne con eles pero pola contra non dubida en recibir á candidata do Bloco da Esquerda en Braga", denunciou o portavoz popular.

Os populares aseguran que estas situacións "xa non resultan sorprendentes" e lembraron que o Concello fixo unha recepción para o entón portavoz nacionalista, Xabier Vence, en xullo de 2014, ou a Ana Pontón en abril do pasado ano, "pero non por iso deixa de ser preocupante que un alcalde non saiba distinguir entre unha institución e un partido político", engadiu.