Repoboan a senda fluvial do Lérez con 150 árbores de ribeira

Pontevedra
30 de xaneiro 2020

Tras os traballos para eliminar os eucaliptos e outras especies invasoras como acacias e robinias, a senda fluvial do Lérez contará con novas árbores. Serán 70 carballos, 25 loureiros, 20 cerdeiras, 20 freixos e 15 abeleiras que se van a plantar na área lindeira coa estrada de acceso á urbanización de Monte Porreiro

Plantación de árbores de ribeira na senda do Lérez
Plantación de árbores de ribeira na senda do Lérez / Concello de Pontevedra

Tras os traballos para eliminar os eucaliptos e outras especies invasoras como acacias e robinias, a senda fluvial do Lérez contará con novas árbores. Serán, en concreto, 150 árbores de ribeira e arbustos de especies frondosas.

Trátase de 70 carballos, 25 loureiros, 20 cerdeiras, 20 freixos e 15 abeleiras que se van a plantar na área lindeira coa estrada de acceso á urbanización de Monte Porreiro.

Os operarios da empresa Cormo Integral agardan ter rematada a actuación este venres.

Deste xeito, o departamento de Desenvolvemento Sostible completará unha actuación que se puxo en marcha en outubro do ano pasado coa tala dunha trintena de exemplares alóctonos e perigosos nun treito duns 150 metros próximo á praia fluvial, entre a ponte do ferrocarril e o inicio da senda.

O edil Iván Puentes lembra que toda esta zona atopábase "infestada" de acacias negras, mimosas, robinias e eucaliptos de gran tamaño e apenas había árbores de ribeira autóctonas. 

Esta segunda fase do proxecto permitirá corrixir a situación, xerando un sotobosque e dotando ás marxes fluviais do Lérez dunha composición vexetal axeitada para un ecosistema de ribeira.

Seguindo esta mesma filosofía, o servizo de Parques e Xardíns tamén levou a cabo a finais de ano traballos de eliminación de especies invasoras (acacias, mimosas e brotes de eucaliptos) ao outro lado da estrada de acceso a Monte Porreiro, no noiro existente entre a ponte do ferrocarril e a rotonda de entrada ao barrio, nas inmediacións do Mirador.

Ao igual que está a acontecer no primeiro treito da senda do Lérez, o departamento municipal tamén ten previsto proceder aquí á plantación de árbores autóctonas e de variedades arbustivas máis acordes coa calidade ambiental do espazo.