Repoboada a praia de Cabeceira con especies autóctonas

Poio
02 de abril 2025

O Concello de Poio conta coas autorizacións de Costas e cun informe do Areeiro no que inclúe os loureiros e sobreiras como algunhas das especies recomendadas polo tipo de solo e condicións da contorna

Limpeza da praia de Lourido
Limpeza da praia de Lourido / Concello de Poio

O Concello de Poio realizou a repoboación da praia de Cabeceira con árbores autóctonas e axeitadas ao lugar.

Tras recibir a autorización de Costas do Estado e coñecer cales son as especies recomendadas para o lugar, segundo os informes realizados pola Estación Fitopatolóxica do Areeiro, esta semana xa se procedeu ao plantado de oito exemplares, catro loureiros e catro sobreiras.

O concelleiro de Medio Ambiente, Manuel Domínguez, comprobou o resultado da plantación das novas especies que, segundo explicou, son os que recomendaron tendo en conta as condicións costeiras e climáticas da contorna, con ventos dominantes de suroeste que precisa árbores que resistan condicións de hálito mariño e posible abrasión eólica; do chan, que nunha gran parte provén de recheo, ten textura areosa, escasa profundidade e afloramentos rochosos de pedra granítica; pola cuberta vexetal herbácea, formada por especies forestais e de matogueira; e a cuberta arbórea, formada por eucaliptos e piñeiros. 

Por outra banda, o Concello de Poio intensificou e reforzou nas últimas semanas as labores de mantemento e limpeza nas praias do municipio para ofrecer a máxima calidade á veciñanza e visitantes ante a chegada do bo tempo. Unhas labores que melloraron de xeito notable grazas ao novo equipamento adquirido polo Concello de Poio, que está especialmente adaptado para a recollida de algas e que optimiza e mellora o acondicionamento dos areais.

Repoboación na praia de Cabeceira
Repoboación na praia de Cabeceira    Concello de Poio

VELUTINA

Por outra banda, o Concello de Poio volve adherirse ao convenio coa Xunta de Galicia e a Fegamp para a vixianza, control e retirada de niños de avespa asiática (velutina) no municipio.

A través deste acordo, os veciños afectados pola presencia de niños poden solicitar a súa retirada no número de teléfono 012. Este convenio ten unha duración anual, e permite poñer a disposición dos concellos un sistema de avisos que se canalizan polas chamadas recibidas e informa ás entidades locais da xestión de todos os avisos de niños de vespa velutina recibidos por esta canle.

Para garantir e xestionar estes avisos, inclúese a revisión, eliminación ou neutralización dos niños activos e realizar as actuacións que procedan nun tempo máximo de cinco días hábiles e sinalización da localización dos niños inactivos non retirados, para evitar así réplicas de avisos. A través deste convenio, en 2024 xestionáronse 199 avisos, unha cifra que se reduciu de xeito importante con respecto a 2023, cando se retiraron 343, unha diminución que se conseguiu gracias á campaña de Loita contra a Vespa velutina realizada.

Desde o Concello de Poio sosteñen que a loita contra esta especie invasora é cousa de todos, e por iso é importante seguir potenciando a coordinación entre todas as administracións, sectores produtivos afectados e a sociedade no seu conxunto. Un dos eixes da nova
campaña de Loita contra a Vespa velutina, realizada da man de investigadores e tamén tendo en conta os sectores produtivos afectados, como son os apicultores, é o trampeo xeolocalizado, planificado e controlado para combater con máis eficacia este insecto. Así, no caso de Poio este ano está prevista a colocación de 134 trampas, que permiten facer un seguimento e estudar a evolución cos datos recollidos. 

Segundo datos facilitados pola empresa pública SEAGA, que se ocupa da retirada dos niños, desde principios de ano xa se están eliminando niños primarios (os primeiros que aparecen, nos meses de febreiro e marzo), o que evita que se formen posteriormente os niños secundarios.