Repoboación de medio cento de carballos no casco urbano de Santa Lucía

Umia
15 de maio 2024

As plantacións foron realizadas polo alumnado do Obradoiro de Emprego Ulla-Umia VII na rúa 7 e nas carballeiras de Santa Lucía e da contorna do centro de saúde

Repoboación de carballos en Santa Lucía
Repoboación de carballos en Santa Lucía / Concello de Moraña

O Concello de Moraña vén de realizar unha repoboación de ata medio cento de carballos en diversos puntos do casco urbano de Santa Lucía co obxectivo de substituír ás árbores secas, enfermas e con patoloxías.

As plantacións foron realizadas ao longo dos últimos días polo alumnado do Obradoiro de Emprego Ulla-Umia VII na rúa 7 e nas carballeiras de Santa Lucía e da contorna do centro de saúde, que foi onde a plantación foi máis intensa polo mal estado das árbores centenarias existentes.

O alcalde de Moraña, Sito Gómez, explicou que "tiñamos varios carballos da vila en malas condicións, porque algúns xa eran moi vellos e incluso algún se desplomou durante os temporais do pasado inverno, polo que, por seguridade, era necesario retiralos antes de que se producira algún accidente que puidera causar danos persoais ou materias".

Sito Gómez detallou que, tras facer o correspondente estudo e análise sobre o estado dos carballos da localidade, determinouse con precisión cales debían ser retirados "e posteriormente, fieis ao noso compromiso co medio ambiente, coa riqueza verde que temos en Moraña e coas especies autóctonas e propias do país, procedemos a dotar á nosa vila de exemplares máis xóvenes pensando no presente e, sobre todo, no futuro".