Repartición de rosas, bombóns e vales de compra entre os namorados do comercio local

Pontevedra
14 de febreiro 2022

A campaña de promoción do comercio local polo Día de San Valentín pechouse este luns na Praza da Peregrina coa instalación dunha ruleta na que os clientes do comercio pontevedrés tiveron a oportunidade de conseguir numerosos premios

A ruleta do amor entrega regalos aos clientes do comercio local polo día de San Valentín
A ruleta do amor entrega regalos aos clientes do comercio local polo día de San Valentín

A Praza da Peregrina está a ser este luns o epicentro do San Valentín Pontevedrés. Alí está ubicada a ruleta do amor, que forma parte da campaña de fomento do comercio local deseñada pola concellería de Promoción Económica. Ao longo da mañá, decenas de clientes probaron sorte para levarse rosas, caixas de bombóns ou vales de compra para canxear nas tendas da Boa Vila.

"Aqueles clientes que durante as pasadas semanas mercaran cando menos en catro dos 400 comercios pontevedreses adheridos á iniciativa, e que polo tanto xuntaran catro selos dos mesmos, poden participar hoxe cunha tirada nesta fantástica ruleta e obter diversos premios directos: 25 vales de compra de 20 euros cada un, 250 rosas e 125 caixas de bombóns, que suman un valor total de 1.500 euros", explicou Yoya Blanco, titular do departamento de Promoción Económica.

Ademais, os cidadáns que xuntaran tres selos e os depositaran no buzón instalado hoxe na Peregrina ou na oficina de Turismo participarán nun sorteo de 20 vales por valor de 75 euros que se desenvolverá mañá ás 10.30 horas na propia oficina situada na Praza de España.

"Hai unha gran cantidade de xente que está a gañar premios, pero o importante é que gañe o comercio local, temos que seguir traballando con eles todo o ano", rematou a concelleira.