Reparten 1.200 menús de Noiteboa no Banco de Alimentos de Pontevedra e no comedor de San Francisco

Pontevedra
23 de decembro 2020

A entrega destes preparados, que xurde dun convenio entre a Vicepresidencia Primeira, a Consellería do Medio Rural e o Parlamento de Galicia, tamén chegará a colectivos de Marín e Vilalonga

Luisa Piñeiro visita o Comedor de San Francisco
Luisa Piñeiro visita o Comedor de San Francisco

A Xunta de Galicia repartiu un total de 1.200 menús na delegación de Pontevedra da Fundación Provincial Banco de Alimentos e no Comedor Social de San Francisco para a cea de Noiteboa de persoas da capital provincial e da súa contorna que se atopan en situación de vulnerabilidade.

Esta iniciativa xurde dun convenio entre a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, a Consellería do Medio Rural e o Parlamento de Galicia co obxectivo de contribuír a que as persoas máis necesitadas poidan celebrar axeitadamente unha das datas máis sinaladas das Festas do Nadal.

Así, os beneficiarios poderán degustar un menú que se compón de estufado de ternreia galega con fabas e grelos e, de sobremesa, iogur galego con mel do selo de calidade IXP Mel de Galicia.

Dito menú está elaborado con alimentos de proximidade, adquiridos directamente a agricultores, gandeiros ou industrias de transformación de Galicia mediante a rede alternativa Mercaproximidade. Unha canle posta en marcha pola Xunta durante o estado de alarma para dar saída aos produtos agroalimentarios galegos que viron reducidas as súas vendas debido á covid-19.

Por este motivo, a delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, cursou este mércores senllas visitas a ambas institucións para coñecer o seu funcionamento e agradecerlles o seu "enorme traballo solidario e altruísta a prol do benestar xeral da sociedade e, en especial, da xente máis necesitada".

A entrega destes preparados tamén chegará a colectivos de Marín e Vilalonga