O Concello de Moraña informou este mércores dunha avaría na canalización de abastecemento que conduce a auga ata a depuradora situada no municipio de Cuntis.
A incidencia na rede que abastece ás vivendas de Moraña foi detectada o martes.
A empresa de augas, en colaboración con operarios de Cuntis, que lle cederon maquinaria para axilizar o proceso, conseguiu reparar a avaría. Ás once e media da mañá deste mércores o Concello de Moraña notificaba que a depuradora está en proceso de filtrar a auga que lle chega para que, "pouco a pouco, se vaian enchendo de novo os depósitos".
O alcalde de Moraña, José Cela indicou que "traballouse para solventar este problema de abastecemento o máis rápido posible" e transmitiu as súas desculpas polas molestias que a avaría causou aos veciños afectados.
A incidencia deixou sen subministración a todos os veciños que están conectados ao servizo municipal de augas, que é tanto o centro urbano de Santa Lucía como algunhas aldeas das parroquias. Non se viron afectados os cidadáns que teñen subministración a través de traídas veciñais.