A reparación dos accesos exteriores do CEIP de Tenorio custou 40.000 euros

Cerdedo-Cotobade
13 de novembro 2024

A Xunta fixo un investimento de máis de 500.000 euros para mellorar a eficiencia enerxética deste centro no ano 2019

Visita ao CEIP de Tenorio
Visita ao CEIP de Tenorio / Xunta de Galicia

A Xunta ven de investir preto de 40.000 euros na reparación dos accesos exteriores do CEIP de Tenorio.

Os traballos permitiron cambiar o pavimento, retirando algunhas baldosas que se topaban en mal estado nas escadas exteriores, mellorando así a comodidade e seguridade do alumnado que cada día pasa polo centro.

Tamén se realizaron traballos nos paseos da parte exterior do centro, onde se colocou un novo pavimento de formigón máis resistente, en cor ocre que acompaña a estética do resto do complexo.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou, xunto ao alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, o resultado das obras realizadas.

Agustín Reguera lembrou que a Consellería de Educación traballa para "manter o bo estado dos centros educativos de toda Galicia, sempre en colaboración cos alcaldes e alcaldesas e co equipo docente, que son quen mellor coñecen as súas necesidades".

Reguera rematou a visita lembrando a gran obra de mellora da eficiencia enerxética que se levou a cabo no CEIP de Tenorio no ano 2019 e que contou cun orzamento de máis de 500.000 euros.