A problemática histórica das inundacións na zona da Caeira, en Poio, está preto de resolverse grazas a un acordo a tres bandas.
O Concello vén de asinar un convenio coa promotora Zohe Home e o Club de Tenis de Pontevedra para renovar as redes de pluviais e saneamento, unha actuación que suporá un investimento privado de preto de 80.000 euros.
A intervención, que será executada polo Concello sen custo para as arcas municipais, permitirá modificar o actual trazado das canalizacións, que discorren por parcelas privadas e baixo edificacións, dificultando o seu mantemento.
O novo percorrido trasladarase aos viais públicos, iniciándose na rúa Illa de San Simón e conectando coa rúa Valiña a través do extremo leste da parcela do Club de Tenis.
A actuación xorde ao fío da construción de 27 vivendas unifamiliares nas rúas Illa de Ons e Illa de San Simón por parte de Zohe Home.
A promotora, que asume o financiamento íntegro das obras, aproveitará os pozos de bombeo previstos para a nova urbanización para anular os colectores actuais, que se atopan ao final da súa vida útil.
O alcalde, Ángel Moldes, destaca que esta solución beneficiará tanto ás novas vivendas como ás xa existentes, ao tempo que agradece a disposición da promotora e do Club de Tenis, que constituirá unha nova servidume de paso con carácter indefinido.