Renovar a iluminación e a cuberta do campo de fútbol de Noalla custará 107.912 euros

Sanxenxo
07 de xuño 2024

A mellora reducirá o consumo enerxético un 30% e impedirá a entrada de auga nas bancadas

Campo de fútbol da Lanzada
Campo de fútbol da Lanzada / SD Noalla

O Concello de Sanxenxo procederá ao acondicionamento de instalacións do campo de fútbol de Noalla coa ampliación e remodelación da zona de bancadas, así como a substitución da iluminación para a mellora da eficiencia enerxética. 

O investimento dos traballos ascende a 107.912 euros e será sufragada co plan extraordinario de infraestruturas deportivas da Deputación de Pontevedra.

A instalación eléctrica actual do campo de fútbol conta con proxectores de haloxenuros metálicos con evidentes signos de deterioración e cun rendemento deficiente, o que provoca que o índice lumínico do terreo de xogo non cumpra coa normativa vixente en materia de niveis mínimos de iluminación en instalacións deportivas.

Por tanto, substituiranse os proxectores existentes por outros con tecnoloxía led de menor potencia, de maior calidade e eficiencia, tanto as canalizacións, como as liñas e proteccións do cadro mantéñense porque están en bo estado. A redución de potencia dos novos proxectores proporciona un aforro aproximado medio do 30%.

En canto á bancada, debido á necesidade de incrementar a protección ante a choiva, proxéctase realizar unha ampliación de 155 metros cadrados na cobertura de chapa existente.

A totalidade da estrutura metálica existente e a ampliación prevista, mesmo piares e placas de ancoraxe protexerase mediante unha man de imprimación antioxidante e outra de acabado con pintura especial para este tipo de estruturas, previa preparación das superficies para pintar. 

Como actuación complementaria, procederase ao desmonte da cobertura de chapa inferior, que presenta unha considerable oxidación.

Como última actuación, co fin de incrementar a protección ante a choiva, instalarase no cerramento lateral, un sistema modular de policarbonato celular. Coa implementación do devandito sistema, garantirase que a choiva non penetre cara ao interior da bancada.