Renovan os parques infantís de Quireza, Tomonde, Cuíña, Vilarchán e Figueroa

Cerdedo-Cotobade
19 de abril 2022

Esta actuación forma parte dun plan de acción deseñado para dezanove destas áreas de xogo en todo o municipio, para o que se destina un investimento de case 79.000 euros. O obxectivo é garantir un mellor nivel de seguridade e de condicións de uso

Parque infantil de Cuíña
Parque infantil de Cuíña / Concello de Cerdedo-Cotobade

Ata cinco parques infantís do territorio de Cerdedo, os de Quireza, Tomonde, Cuíña, Vilarchán e Figueroa, foron renovados polo goberno municipal de Cerdedo-Cotobade.

Esta actuación forma parte dun plan de acción deseñado para dezanove destas áreas de xogo en todo o municipio, para o que se destina un investimento de case 79.000 euros. O obxectivo é garantir un mellor nivel de seguridade e de condicións de uso.

Tanto no parque infantil de Tomonde como no de Figueroa instaláronse torres-tobogán novas para aumentar a oferta lúdica para os máis cativos. Na zona de xogos de Cuíña instalouse un chan de caucho cuberto con céspede artificial para que quedara máis acaído co entorno.

A actuación levada a cabo no parque infantil de Vilarchán consistiu, fundamentalmente, no arranxo dos elementos de xogo existentes e procedeuse a darlle unha limpeza en profundidade ao entorno.

En Quireza, onde o parque infantil se atopaba nun baixo grao de conservación, realizouse unha limpeza en profundidade dos xogos e do pavimento con hidrolimpadora a presión, repuxéronse dous postes de bambáns e pintouse a zona metálica.

Tamén se procedeu a retirar o peche perimetral porque estaba moi deteriorado e construíuse unha nova zona de caucho bordeando todo o parque para garantir a seguridade dos cativos, repoñendo ademais os elementos deteriorados.

Outra das actuación levadas a cabo no parque infantil de Quireza foi a reparación de fendas existentes no pavimento amortecedor e do valado perimetral de aceiro multicor.