Renovan o pavimento no barrio do Barnal canalizando a fibra óptica

O Salnés
28 de febreiro 2023

O remanente das obras da Avenida Castelao permite ao goberno local unha actuación de pavimentado e saneado da contorna valorada en 48.012 euros

Casa do Concello da Illa de Arousa
Casa do Concello da Illa de Arousa / Concello da Illa de Arousa

O goberno local da Illa de Arousa ten listo o proxecto para a renovación do pavimentado das rúas do barrio do Barnal, unha actuación que resolverá tamén os problemas actuais de conexión da fibra óptica.

O proxecto, que terá un custo total de 48.012 euros, está á espera da autorización da Deputación Provincial xa que se executará con cargo ao remanente resultante da aposta que Europa fixo do modelo de mobilidade sostible da provincia ao aprobar unha achega de 814.160 euros do programa DUS5000 para a urbanización, recuperación de espazos e mellora da mobilidade peonil na Avenida Castelao e que tivo un retorno para o Concello da Illa de 244.262 euros.

Renovarase a capa de rodadura na Travesía Avenida da Ponte e nas rúas Barnal dos Lagos, Barnal e Salgueiral, nas que o pavimento presenta unha importante deterioración debida ao intenso tráfico interno que soporta.

O concelleiro de Servizos, Luís Arosa, ve neste proxecto a oportunidade de reducir a fenda dixital que padecen a poboación residente neste barrio, cunha deficiente conexión a internet polo que incluíu no proxecto a canalización da fibra de maneira que só quede pendente a conexión por parte das empresas operadoras.

A recuperación da porcentaxe local cuberta pola subvención europea permitirá ao Concello executar outras catro obras urxentes en melloras de pavimentado e accesos a camiños. 

"Que a obra da Avenida Castelao conseguise ese respaldo europeo non só avala os criterios técnicos dunha actuación innovadora, senón que tamén supón para nós un balón de osíxeno importante para atender rúas secundarias pero tan importantes para nós como a Avenida Castelao", apunta Luís Arousa, que considera que esta actuación no Barnal "supón un importante saneado de todo a contorna".