A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, dirixida por Iván Puentes, continúa co plan para adecuar as áreas de xogo de Pontevedra ás normativas europea e autonómica en materia de seguridade.
Despois da renovación integral do espazo da Cidade de Pedra, o servizo municipal de Parques e Xardíns vén de rematar a reparación e acondicionamento do parque infantil situado nos antigos terreos de Tafisa, que conta cunha achega económica de 4.200 euros.
A actuación consistiu na restauración do rocódromo da zona de xogos, o arranxo da rampla de acceso, e a renovación das mallas de cordas para trepa e das proteccións laterais dunha pequena torre. Tamén retiraron os elementos deteriorados e cambiaron un dos xogos por un novo balancín.
"Levouse a cabo unha restauración integral seguindo o que nos marca a firma especializada contratada polo Concello para auditar as condicións de seguridade de tódalas zonas de xogo da cidade", sinalou Iván Puentes.
Con estas remodelacións buscan conseguir os máximos estándares de calidade e seguridade para os parques infantís e así evitar accidentes.