O departamento de Benestar Social do Concello de Bueu vén de reactivar o servizo de atención psicolóxica destinado a menores e familias, que estará operativo ata abril de 2025.
O programa presenta unha dobre vertente: por unha banda, centra os seus esforzos no apoio psicolóxico a familiasen situación de vulnerabilidade, con especial énfase nos menores.
Neste eido, proporciónanse recursos socioeducativos e ferramentas para mellorar a xestión emocional, as relacións familiares e a resolución positiva de conflitos, prestando particular atención a aqueles relacionados co xénero.
Por outra banda, o servizo ofrece acompañamento psicolóxico, social e educativo específico para menores.
Neste caso, o obxectivo enmárcase en superar dificultades tanto no ámbito da inclusión social como da aprendizaxe.
Tamén está destinado a previr posibles condutas de risco.
As persoas de Bueu interesadas en acceder a este servizo poden solicitar máis información a través do correo electrónico [email protected] ou chamando ao teléfono 886.124.816.
A iniciativa conta co respaldo económico do Fondo Social Europeo Plus, a través do programa FSE + Galicia 2021-2027 da Xunta de Galicia.