Renovado o convenio para as emerxencias da provincia sen aplicar as melloras propostas pola Xunta

Pontevedra
04 de decembro 2021

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, mantivo este venres un encontro con representantes das deputacións provinciais de Pontevedra, A Coruña e Lugo e da FEGAMP, no que decidiron renovar por un ano o convenio actual. A Xunta lamenta esta decisión ao entender que bloquea o aumento de financiación para cubrir os custos salariais dos GES

Visita de Rueda ao GES de Sanxenxo
Visita de Rueda ao GES de Sanxenxo / Xunta de Galicia - Arquivo
Renovación do convenio de emerxencias coas Deputacións /

Como xa estaba previsto, os representantes das deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo descartaron este venres a proposta da Xunta de Galicia de aplicar melloras á cobertura das emerxencias.

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, mantiña un encontro con representantes destas tres institucións provinciais e da FEGAMP, que optaban por renovar por un ano o actual convenio de colaboración coa Xunta en materia de emerxencias e prevención e defensa contraincendios forestais para o desenvolvemento dos Grupos de  Emerxencias  Supramunicipais (GES). 

O goberno galego quería incluír melloras para fortalecer a cobertura das emerxencias e as condicións dos integrantes dos GES, segundo expoñen. A pretensión da Xunta era aplicar a todas as provincias un incremento do persoal para que os concellos subsede de GES ampliasen o seu persoal ata os doce efectivos, se así o desexaban; equiparar ao resto de GES o custo dos catro servizos municipais de emerxencias da comunidade, entre os que se atopa Sanxenxo; e actualizar o custo salarial dos grupos e crear un subGES con seis efectivos no Grove, unha decisión que agora xa non se poñerá en marcha, segundo anuncia o executivo autonómico.

Desde a Xunta indican que a atención ás emerxencias é unha competencia de carácter local, que corresponde aos municipios de máis de 20.000 habitantes e ás deputacións provinciais nos  concellos de menor poboación. Segundo sinalan, o goberno galego asume máis da metade do custo anual destes grupos e investiu nos últimos anos máis de 40 millóns de euros no seu mantemento e outros sete millóns para dotalos do equipamento necesario para acometer as súas intervencións con seguridade.

No último pleno da Deputación debatíase este tema ao presentar unha moción o Partido Popular, que foi rexeitada polo PSOE e BNG. O deputado responsable da área, Carlos López Font, manifestaba que se negaban a aceptar a proposta da Xunta porque se trata dunha "imposición" e que o executivo galego se nega a asumir o 60% do orzamento dos GES.