O Concello de Poio renova o acordo con Portos de Galicia, os bateeiros e a confraría para utilizar a explanada do porto da Canteira, en Combarro, como aparcamento durante a tempada alta.
Unha medida que se adoptou por primeira vez o ano pasado, asinando un acordo entre todas as partes, e que contribuíu a desconxestionar unha zona especialmente saturada. Por iso, sinala o alcalde, Ángel Moldes, "quixemos repetir esta experiencia e aliviar así os problemas de aparcamento", poñendo a disposición de veciños e visitantes de máis de 150 prazas. Este acordo, ademais, respecta e reserva zonas para os profesionais do sector do mar.
Ángel Moldes visitou este sábado o porto de Combarro xunto a Iago Tomé, presidente da confraría de Raxó, e Manuel Ferreiro, representante dos bateeiros, coincidindo coa apertura do porto.
Explica que, como o ano pasado, de luns a venres e en horario de mañá, o aparcamento será exclusivo para os traballadores do mar. Con todo, durante as horas de acceso libre ao porto seguirá habendo unha zona reservada exclusivamente para os profesionais do mar, que será a que está ao lado das casetas.
Haberá un control de acceso vixiado, tanto para garantir que se estaciona na zona correcta como para evitar que os coches aparquen máis de tres horas. Unha medida que busca a rotación de vehículos, dar un mellor servizo e evitar que un mesmo coche permaneza inmóbil durante toda a fin de semana.