O ximnasio situado nas instalacións da piscina municipal de Marín xa está renovado. A nova maquinaria adquirida polo Concello dá solución á demanda das persoas usuarias da sala fitness.
Segundo indicou o Concello, a renovación consistiu na instlación de dúas bicicletas elípticas, unha stair claimber, dúas máquinas de remo, dous andeis para mancuernas e dous soportes para pesas.
Tamén se incorporan varias unidades de pesas de distintos quilos, seis pratos olímpicos, dúas barras olímpicas normais e outra hexagonal, varios xogos de mancuernas e cordas para TRX.
Esta dotación de material sufragouse grazas a unha subvención de 25.000 euros por parte da Deputación de Pontevedra.
Ademais, desde o Concello informan que os técnicos municipais están a levar a cabo un estudo das necesidades máis urxentes coas que conta a instalación da piscina.
O obxectivo é acadar financiamento para buscar solucións e reparalas, ademais de seguir mellorando o equipamento.
Doutra banda, a raíz do paso do temporal Kirk levantáronse dous ferros da fachada, polo que desde a corporación municipal xa están a buscar orzamento co obxectivo de repolas na maior brevidade posible.