O Concello de Poio informa que acaba de renovar o convenio coa Asociación Española contra o Cancro (AECC).
A continuidade da colaboración entre ambas entidades permitirá consolidar o programa de atención e prevención ao que poden acceder todas as veciñas e veciños do municipio.
Grazas a este convenio leváronse a cabo 376 intervencións en 2023. No presente ano, entre os meses de xuño e setembro, xa suma 232 actuacións e 42 persoas atendidas.
A Xunta de Goberno aprobou na sesión deste martes a xustificación da subvención prevista que presentou a asociación e aprobouse tamén proceder ao pago da subvención, que ascende a 800 euros.
Deste xeito, Concello de Poio e AECC únense para ofrecer unha atención especializada e de proximidade a enfermos e familiares, tanto na sede da asociación como nos domicilios dos enfermos e as súas familias máis vulnerables, en situación de enfermidade avanzada ou terminal, ou no hospital no que poidan estar ingresados os doentes.
Entre as actuacións que se ofrecen, inclúese información e asesoramento sobre a enfermidade cancerosa e as súas posibles terapias, xestión das axudas sociais e económicas con carácter de urxencia e as puntuais, préstamo de material ortoprotésico, perrucas e próteses, atención psicolóxica individualizada ao enfermo e familiares, servizo de fisioterapia e recuperación funcional, e voluntariado e xuventude.
O Concello de Poio matiza que destinou neste 2024 preto de 5.000 euros a subvencións para as entidades sociais. Así, ademais da AECC, tamén se inclúen as asociacións Amencer, Alba, Amizade, Xuntos, Persoas Xordas de Pontevedra e Solidaridade Galega co Pobo Saharaui.