En marcha a renovación do valado da Ermida da Lanzada

Sanxenxo
28 de outubro 2024
Actualizado: 29 de outubro

Esta actuación execútase con cargo a unha axuda europea de case 30.000 euros que tamén inclúe a mellora de acceso á praia Espiñeira

Renovación do valado da Ermida da Lanzada
Renovación do valado da Ermida da Lanzada / Concello de Sanxenxo

O Concello de Sanxenxo iniciou a semana pasada a renovación de tres tramos do valado (295 metros lineais) de acceso á Ermida da Lanzada.

Esta actuación execútase con cargo a unha axuda europea de case 30.000 euros que tamén inclúe a mellora de acceso á praia Espiñeira.

O acceso á ermida da Lanzada é un espazo moi transitado por visitantes que se achegan tanto a observar a natureza como a capela existente.

Existe unha chaira de grandes dimensións que funciona como acceso e nas beiras atópanse cantiis e zonas con vexetación ben conservada.

Estas zonas están delimitadas mediante varandas que actualmente se atopan en moi mal estado de conservación.

Co obxecto de delimitar o espazo e evitar que os usuarios da zona traspasen os límites e xeren erosión sobre a vexetación, colocarase un novo valado.