O Concello de Meaño comezou os traballos para a substitución de 523 luminarias por outras tantas de tecnoloxía LED. Ademais, actuarase en 15 cadros de mando para adaptalos á normativa vixente.
A renovación do alumeado executarase nos lugares de Viliquín, Altamira, Ponte Dena, Coirón, Rúa Santa Lucía e Morouzos, así como na parroquia de Dena; Pereiras, na parroquia de Meaño; Freixeiro, na parroquia de Lores e Carballoso e O Pazo na parroquia de Xil.
As novas luminarias permitirán diminuir a potencia instalada de 56,42 kilovatios a 29.01kw, o que suporá un aforro enerxético estimado do 59,20%, que a súa vez repercutirá nun menor custo de enerxía eléctrica para as arcas municipais.
Ademais, esta reforma posibilitará unha redución de emisións de CO2 á atmosfera, e contribuirá ao paso cara unha economía baixa en carbono.