O estudo Landlab e a arquitecta María Fandiño Iglesias serán os que redacten o proxecto que definirá o futuro do barrio da Banda do Río a nivel arquitectónico e de servizos.
A súa proposta, titulada 'Bandas da Ribeira' foi o gañador do concurso de ideas convocado polo Concello de Bueu. Recibirán 20.000 euros e, agora, asumirán o deseño desta actuación.
A este certame, que se convocou a comezos de ano, concorreron ata dezasete traballos nos que os equipos de arquitectos e arquitectas mostraron as súas solucións e ideas para o barrio.
Martín Villanueva, concelleiro de urbanismo, destacou a "gran calidade" das propostas e con enfoques tan dispares "e que seguro nutrirán o barrio".
O xurado integrárono representantes do Concello, técnicos propostos polas asociacións veciñais, Portos de Galicia, a Axencia Galega de Infraestruturas, o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, e outro a proposta dos concursantes.
Na acta, subliñaron o "talento, creatividade e compromiso" dos autores, destacando que cada unha das iniciativas presentadas" reflicte unha visión única e un enfoque coidadosamente elaborado", o que supuxo que abordar este concurso fora un "verdadeiro reto".
Entre as principais liñas de actuación que se tiveron en conta están a seguridade viaria, o tratamento dos aparcadoiros, a renovación das edificacións, de servizos, de iluminación ou o contacto coas vías e coa praia que hai neste ámbito urbano.
O ámbito de localización comprende o cuadrilátero delimitado polas rúas Johan Carballeira, ata Can do Penedo, incluíndo ambos os lados da Avenida Montero Ríos e da rúa Pazos Fontenla, cunha superficie aproximada de 61.500 metros cadrados.
O concurso de ideas supuxo un paso importante para o Concello, pois a través del e de todo o proceso previo anterior recolléronse as múltiples sensibilidades do barrio, tal e como foran acordadas hai anos nas diversas mesas de seguimento coa veciñanza.