Ata 40.000 euros está a investir o Concello de Cerdedo-Cotobade na remodelación da casa consistorial de Cerdedo, unha actuación destinada a mellorar a accesibilidade e a comodidade do edificio para favorecer a atención aos veciños e as condicións de traballo do persoal.
O proxecto contempla, como principal actuación, a construción dunha gran rampla exterior, cunha pendente suave, e doutras pequenas obras na entrada co obxectivo de que poidan acceder con comodidade ao edificio as persoas en cadeira de rodas.
Ademais, tamén estase a proceder ao cambio do tellado, xa que, dun tempo a esta parte, comezaron a producirse filtracións de auga por un lateral do mesmo que chegaban ata a cámara de protección e xeraban humidades. Esta mellora céntrase na zona afectada, pero estase aproveitando para revisar toda a cuberta.
A remodelación tamén inclúe a renovación de parte das infraestruturas do servizo de fontanaría, que comezan a quedar obsoletas tras décadas de uso e precisan de materiais máis modernos.
Esta obra está a ser executada pola empresa Pablo Moreiras, tras ofrecer unha baixa do 8% entre as catro firmas de Cerdedo ás que se incluíu no procedemento de contratación.
O alcalde Jorge Cubela, que visitou as obras este mércores, cualificou esta actuación como "moi importante" para corrixir as eivas de accesibilidade e permitir que a sede administrativa de Cerdedo "estea aberta para todos".