Rematarán os problemas de aparcamento para os cidadáns que van aos xulgados da Parda?

Pontevedra
07 de febreiro 2013

A Xunta explicou ao persoal da Administración de Xustiza de Pontevedra o proxecto do novo edificio xudicial, que incluirá dúas plantas de aparcadoiro subterráneo. Aproveitou para enviar un recado ao Concello: empezará a construírse en canto ceda os terreos necesarios

O proxecto do novo edificio xudicial de A Parda que está tramitando a Xunta de Galicia pode poñer fin a unha das principais queixas que teñen os cidadáns cando acoden aos xulgados actuais, non atopan onde aparcar.

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, mantivo este xoves unha reunión co persoal da Administración de Xustiza de Pontevedra para presentarlles o que será o novo edificio xudicial. Explicoulles o proxecto e entre os datos aportados atópase que incluirá dúas plantas de aparcadoiro subterráneo.

Con esta medida rematarán os problemas de aparcamento para os cidadáns que van ao xulgado da Parda? A pregunta non poderá responderse ata que o proxecto esté rematado e a data aínda non está fixada. Ao respecto, a Xunta de Galicia emitiu un comunicado ao término da reunión no envía un recado ao Goberno local para que axilice a cesión de terreos para a súa construción.

A Administración autonómica recorda que o Concello de Pontevedra e a Consellería de Presidencia asinaron en maio do 2010 un convenio para a posta en marcha do edificio, que está incluído do Plan de Infraestruturas Xudiciais da Xunta, e cuxo proceso de construción iniciará o Goberno galego en canto o Concello ceda os terreos necesarios á Xunta de Galicia.

Ao encontro asistiron representantes do eido xudicial en Pontevedra, xuíces, avogados, procuradores, ademais dos arquitectos encargados da elaboración do proxecto e representantes da Xunta de persoal provincial. A todos eles explicouselles que o edificio albergará arredor de 30 novos xulgados e ten unha partida reservada nos orzamentos autonómicos.

A realización desta nova sede xudicial ten o propósito de reagrupar os xulgados que actualmente están fora da actual sede xudicial, e xerar un espazo suficiente para os próximos anos, na cidade de Pontevedra, tendo como resultado como unha superficie total construída sobre rasante é aproximadamente de 13.000 metros cadrados.