A tenente de alcalde e concelleira de Obras e Servizos Municipais, Chelo Besada, visitou o lugar da Bouza, na parroquia de San Xoán, onde o Concello de Poio impulsou unha actuación para dotar de servizos básicos como saneamento a un núcleo de vivendas situadas neste emprazamento.
Trátase dunha zona que se atopa nas proximidades do Consistorio e do Mosteiro de Poio. Ademais, os operarios tamén procederon á substitución do pavimento, que se atopaba algo deteriorado, por un novo firme.
Besada explicou que os traballos iniciáronse a principios do verán e remataron neste mes de agosto. A maiores, a Concellería de Obras tamén ten previsto habilitar novo mobiliario urbano nas inmediacións do núcleo, incluídos bancos, respostando así a unha petición feita pola veciñanza.
Deste xeito, este departamento continúa coa súa folla de ruta no que á dotación de redes de saneamento e abastecemento en zonas do rural se refire. Ademais das realizadas ao longo dos últimos meses, está pendente de iniciarse unha obra en Covadalaxe, na parroquia de Samieira, para a instalación de tubaxes de estes dous servizos, así como a mellora do pavimento.
A actuación foi adxudicada hai unhas semanas á empresa Narom SL, cun orzamento que ascende a máis de 25.000 euros.
Por outra banda, neste mes de agosto a Xunta de Goberno tamén aprobou un proxecto para dotar de saneamento a un núcleo de vivendas situado no lugar de San Martiño, pertencente á parroquia de San Xoán. Neste caso, investiranse preto de 90.000 euros.
Deste xeito, ao longo do último ano a Concellería de Obras e Servizos Municipais realizou ou impulsou proxectos destinados á mellora de servizos básicos para a veciñanza do rural cuns investimentos que roldan os 150.000 euros aproximadamente.