Rematada a renovación das beirarrúas do tramo urbano de Moraña da estrada PO-226

Umia
13 de xuño 2023

A actuación levouse a cabo nun treito estratéxico desta vía autonómica, coincidente co núcleo de Santa Lucía, na parroquia de Saiáns, onde está situada a Casa do Concello, a biblioteca pública e a escola municipal de música, ademais de diferentes establecementos comerciais

Treito urbano da estrada PO-226 en Moraña
Treito urbano da estrada PO-226 en Moraña / Xunta de Galicia

A Xunta vén de rematar as obras de renovación das beirarrúas do tramo urbano da estrada PO-226 en Moraña, cun investimento de 387.000 euros.

A actuación levouse a cabo nun treito estratéxico desta vía autonómica, coincidente co núcleo de Santa Lucía, na parroquia de Saiáns, onde está situada a Casa do Concello, a biblioteca pública e a escola municipal de música, ademais de diferentes establecementos comerciais.

Actuouse no treito de 300 metros da vía autonómica, desde a intersección que dá acceso á Casa do Concello ata a chegar ao límite do casco urbano.

A intervención reforza a seguridade na zona, adaptándose ademais, as beirarrúas á nova normativa de accesibilidade.

As obras permitiron intervir nos servizos de abastecemento e saneamento, construíndo unha liña exclusiva para canalizar a auga de chuvia e separala das fecais. Tamén se renovou a iluminación e procedeuse ao soterramento das liñas eléctricas e de telecomunicacións, así como á instalación de mobiliario urbano.