Remata a modernización do ximnasio do colexio Santa Lucía, en Moraña

Umia
26 de novembro 2024

O obxectivo da mellora centrouse en aumentar a confortabilidade térmica, o illamento e a eficiencia. Complétase así a remodelación total do colexio

O alcalde visita a obra no ximnasio do colexio
O alcalde visita a obra no ximnasio do colexio /

O Concello de Moraña vén de rematar as obras de modernización do ximnasio do CPI Plurilingüe Santa Lucía coa renovación integral da súa cuberta e a instalación de iluminación LED.

O alcalde de Moraña, Sito Gómez, valorou moi positivamente este novo investimento nunha visita ao fin da obra.

O proxecto consistiu na retirada da cuberta preexistente e a súa substitución por un novo teito de formato panel sándwich.

Así mesmo, procedeuse á renovación de todos os canalóns e sistemas de evacuación de augas pluviais e á dotación dunha nova iluminación que potenciará as condicións de visibilidade do recinto deportivo.

A estas obras se adicaron preto de 50.000 euros que foron financiados polo Fondo de Cooperación Local (FCL) para concellos de ata 15.000 habitantes.

Con esta actuación, que se desenvolveu nos dous últimos meses tras a súa contratación o pasado setembro, o Concello pretende corrixir de xeito definitivo os problemas de baixas e altas temperaturas que se adoitaban presentar nas épocas de maior frío e calor, e tamén as situacións de condensación que aparecen ao longo do ano.

Sito Gómez  destacou o "compromiso decidido e constante" do goberno local con este colexio que acolle a unha comunidade educativa de máis de 400 persoas.

O colexio de Santa Lucía xa foi obxecto dunha rehabilitación integral e tamén acondicionouse a antiga casa do conserxe, ademáis deste cambio de cuberta do seu pavillón polideportivo. En todas estas actuación se investiron de xeito global máis de 700.000 euros por parte da Xunta de Galicia.