Remata a reforma do centro de día e residencia de maiores de Cerdedo

Cerdedo-Cotobade
23 de novembro 2023

O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, e o alcalde, Jorge Cubela, visitaron este xoves estas instalacións con capacidade para 30 usuarios no centro de día e 18 no fogar residencial

Jorge Cubela e Perfecto Rodríguez visitaron a residencia de maiores de Cerdedo
Jorge Cubela e Perfecto Rodríguez visitaron a residencia de maiores de Cerdedo / Xunta de Galicia

Xa está completa a reforma do centro público de atención diúrna e residencial a persoas maiores de Cerdedo, que acometeu de maneira coordinada co Concello de Cerdedo-Cotobade e na que investiu preto de 85.000 euros. 

O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, e o alcalde, Jorge Cubela, visitaron este xoves estas instalacións con capacidade para 30 usuarios no centro de día e 18 no fogar residencial.

Perfecto Rodríguez explicou que as melloras no equipamento se fixeron en dúas fases. A primeira delas levouse a cabo no ano 2021 e centrouse na mellora da cuberta e da fachada exterior para conseguir un mellor illamento térmico e solucionar problemas de humidades.

Na segunda das intervencións, que acaba de rematar, realizáronse traballos no interior da edificación. Esta executouse a través dun convenio co concello asinado o pasado mes de marzo e permitiu acondicionar as habitacións que estaban fóra de servizo para reabrilas, de tal xeito que o centro xa ten operativas todas as súas prazas residenciais. Así mesmo, fixéronse reparacións en aseos, duchas, portas e pavimentos.

Estas melloras complétanse coa instalación dun novo sistema de aire acondicionado nos espazos comúns, comedores, área de descanso e a zona de cociñas. Estas obras están en marcha na actualidade e finalizarán nos próximos días.

Coa reforma deste centro de día e fogar residencial, que leva en funcionamento desde o ano 2008, o goberno galego actualiza os servizos públicos de atención aos maiores en Cerdedo.

Neste sentido, desde o pasado mes de abril está en funcionamento a nova residencia de maiores anexa, na que a Xunta investiu 2 millóns de euros e con capacidade para aloxar a 46 persoas.