Remata a campaña da anguía cun 50% máis capturas e a petición de medidas para protexer a especie

Pontevedra
16 de novembro 2013

A asociación naseiros Alvedosa acada os 34.620 quilos, un dato que demostra "o que sempre dixemos e defendemos con respecto a que non existe problema no recurso desta especie na ensenada de San Simón e que goza de boa saúde". Este aumento de capturas viuse favorecido pola abundancia de choivas 

A asociación naseiros Alvedosa, que engloba profesionais da parroquia pontevedresa de Ponte Sampaio e do veciño Concello de Soutomaior, ven de rematar a campaña de pesca da anguía na ensenada de San Simón. Fano cun balance positivo en canto ás capturas, pero sen esquecer unha demanda: máis medidas para garantir que a especie perdure.

A campaña rematou con 34.620 quilos en capturas, o cal demostra "oque sempre dixemos e defendemos con respecto a que non existe problema no recurso desta especie na ensenada de San Simón e que goza de boa saúde". De feito, superáronse en máis dun 50% as capturas da anterior campaña, na que se colleron 22.813 quilos.

Segundo os datos facilitados polos naseiros, este aumento de capturas viuse favorecido pola abundancia de choivas das últimas semanas, unha situación meteorolóxica que favorece moito a pesca desta especie.

A pesares dos datos favorables de capturas, os naseiros consideran que se teñen que tomar medidas para protexer a especie. "Seguimos sen entender como poden decir que existe problema de recursos na anguía, e se siga permitindo a captura das angulas", sinalan, e recordan que as angulas son o o único alevín que está permitido capturar e comercializar. Sosteñen que cada quilo de angulas mete 3.500 individuos, o que, como mínimo, representa 350 quilos de adultos.

Ademais da captura de angulas, apuntan a outras circunstancias que poden afectar á pesca da anguía: a contaminación dos ríos e rías, que non só prexudican as anguías senón o seu alimento; os recheos que fan perder zonas e que cambien as correntes mariñas; o cambio climático; e a construción de encoros e centrais hidroeléctricas.