Reivindican o traballo das mulleres no audiovisual para que o relato non siga a ser incompleto e desequilibrado

Pontevedra
28 de abril 2022

"Produtora executiva e directora, elección ou necesidade?" foi o título da primeira xornada do ano da Escola de Igualdade María Vinyals que acolleu este mércores o salón de plenos da Deputación de Pontevedra

Xornada da Escola de Igualdade María Vinyals sobre o audiovisual
Xornada da Escola de Igualdade María Vinyals sobre o audiovisual / Deputación de Pontevedra

"Produtora executiva e directora, elección ou necesidade?" foi o título da primeira xornada do ano da Escola de Igualdade María Vinyals que acolleu este mércores o salón de plenos da Deputación de Pontevedra.

A actividade estivo organizada pola Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI) e rematou coa reivindicación unánime de visibilizar o traballo das mulleres do audiovisual e a necesidade de achegar referentes femininas ás xeracións máis novas, para que coñezan modelos de éxito.

O primeiro informe de ámbito galego elaborado pola Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios Audiovisuais (CIMA) detalla que os homes son o 89,5% das persoas responsables de son, o 78,9% das persoas que dirixen fotografía, o 68,4% das que dirixen música, o 68,4% das que dirixen ou o 63,2% das persoas que se encargan da montaxe. 

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, sinalou que "durante moito tempo, practicamente o 100% das persoas que dirixían eran homes que amosaban a súa mirada, trasladando estereotipos e os temas que lles preocupaban, que non sempre eran os que nos preocupaban a nós".

A mandataria provincial incidiu en que "sen nós, o relato é incompleto e desequilibrado, por iso é tan importante que as mulleres teñan unha maior presenza, para aportar outra visión". 

Pola súa banda o presidente de AGAPI, Felipe Lage, subliñou o papel que está a desenvolver a asociación para "visibilizar ás produtoras independentes galegas". 

Na mesa, moderada pola xerente desta asociación, Uxía Caride, e na que participaron as produtoras e directoras Chelo Loureiro, Paula Cons, Jaione Camborda e Ruth Cao, reclamouse a necesidade de aportar referentes femininas ás xeracións máis novas, para que coñezan modelos de éxito das mulleres no audiovisual.