Reivindicación galega no Día das Linguas de Signos Españolas: "non é un dialecto"

Pontevedra
14 de xuño 2024

Desde XOGA, Organización de Diversidade Sensorial de Galicia, demandan o recoñecemento oficial da lingua de signos galega e lembran que este sistema de comunicación é moi traballado con persoas da terceira e cuarta idade. Pola súa banda, a Asociación de Persoas Xordas de Pontevedra demanda a obrigatoriedade do ensino xeral no sistema educativo da lingua de signos para fortalecer a inclusión do colectivo de persoas con diversidade sensorial

Anabel Gulías e María Jesús Monterde, presidenta de XOGA, na rolda de prensa
Anabel Gulías e María Jesús Monterde, presidenta de XOGA, na rolda de prensa / Mónica Patxot

Este venres 14 celébrase o Día Nacional das Linguas de Signos Españolas. Con todo, oficialmente só están recoñecidas como linguas de signos estatais, o castelán e o catalán. 

Por este motivo, a asociación XOGA, Organización de Diversidade Sensorial de Galicia, aproveitou a xornada para reivindicar a lingua de signos galega.

María Jesús Monterde, presidenta de XOGA, con outros representantes do colectivo mantiña un encontro con Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, e coa concelleira Anabel Gulías. Durante este encontro manifestaron a necesidade do recoñecemento institucional da lingua galega de signos para integrar ás persoas monolingües con diversidade sensorial.

É unha loita que leva anos. Realizouse un intento por parte da Xunta de Galicia que fracasou. "Houbo moitos detractores", recoñece Monterde a pesar do apoio recollido na Real Academia Galega e en diversas institucións. "A Xunta tentouno e puxeron parapeto por motivos nefastos", laméntase a presidenta de XOGA.

Indica que o 80% da poboación con diversidade sensorial na comunidade utiliza a lingua de signos propia de Galicia: "son persoas con perda auditiva ou xordo cegas que interactúan preferentemente en galego", un colectivo que se amplía tamén a persoas con outros problemas de comunicación derivados da síndrome de Down ou do autismo. XOGA realiza tamén un traballo intensivo na aprendizaxe da lingua de signos entre persoas de terceira e cuarta idade polas melloras psicomotrices e de memoria que conleva.

Con todo, os novos intérpretes, que se trasladan a Madrid para cursar os seus estudos, e a poboación máis nova utiliza a lingua de signos española debido á ausencia de apoio administrativo e dunha formación regrada en Galicia.

"Pedimos que se cre o grao en Vigo e formen en lingua de signos galega. Como fan en Cataluña", argumenta María Jesús Monterde.

A reivindicación baséase na identidade propia de Galicia e o arraigamento de costumes e tradicións, ademais de que as persoas con dificultades de fala non aprenden a lingua oral galega e isto provoca que "teñan problemas para entendela".

"Non é un dialecto", insiste María Jesús Monterde baseándose nos estudos realizados a través da Deputación de Pontevedra. "Ninguén pode dicir a día de hoxe que non existe", sinala defendendo a lingua de signos galega baseándose no apoio tamén da maioría de representantes das asociacións deste colectivo de persoas: "o movemento está unificado. Temos un veto pero tentaremos loitar", conclúe.

APRENDIZAXE INCLUSIVA, DEMANDA DESDE A APXP

Nesta mesma xornada matinal, unha caseta atópase instalada na praza da Peregrina con representantes daAsociación de Persoas Xordas de Pontevedra (APXP). Venden mochilas, bolsas e camisetas neste espazo promovido con colaboración da Deputación de Pontevedra para financiar as actividades que desenvolven ao longo do ano con obxectivos inclusivos.

Natalia Moreno Fernández, técnica de integración social deste colectivo, leva as dúas mans á base da cara para ensinar a unha nena como se mostra o xesto de dar as "grazas" en lingua de signos.

Ela reivindica a incorporación da aprendizaxe deste sistema de comunicación no ensino: "debería ser obrigatorio para forxar unha inclusión maioritaria. Deberían aprendelo todas as persoas".

Admite que "hai moitas cousas que se parecen" nas tres linguas de signos estatais: castelán, catalán e galego. "Se vas a Francia xa é completamente distinto", explica.

Natalia Moreno indica que é necesario visibilizar máis a situación das persoas con diversidade sensorial para promover que se garantan os dereitos lingüísticos das persoas xordas.

Desde a Xunta manifestan a importancia da colaboración das administracións na eliminación de barreiras aduitivas e Diego Calvo, conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, indica que no ámbito dos tribunais figuran intérpretes de lingua de signos nos xulgados, tribunais, fiscais e en todos os servizos, coa dispoñibilidade permanente destes profesionais nas gardas.