Reivindicación da lingua e do deporte do tenis de mesa nos Premios Cidade de Pontevedra 2021

Pontevedra
20 de xaneiro 2022

Os mestres Vitoria Ogando Valverde e Anxo González Guerra e o Club Tenis de Mesa de Monte Porreiro recibían os galardóns no Pleno de Honra que se celebraba este 20 de xaneiro no Teatro Principal, con motivo da celebración da festividade de San Sebastián. Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, destacaba a humildade, a constancia e o traballo dos premiados

Pleno de entrega dos Premios Cidade de Pontevedra 2021
Pleno de entrega dos Premios Cidade de Pontevedra 2021 / Mónica Patxot

"Todo, todo pode acabar en min, menos o amor que sinto por Pontevedra", as palabras de Castelao en 1947 serviron para abrir o discurso que lía o matrimonio de profesores formado por Vitoria Ogando Valverde e Anxo González Guerra, que exerceron como docentes de lingua galega nos institutos Valle Inclán e Sánchez Cantón, e que este xoves 20 de xaneiro recibían o Premio Cidade de Pontevedra como persoas físicas polo seu traballo a favor da lingua do país. 

"Que escribiría hoxe Castelao vendo esta Pontevedra renovada, moderna, exemplo de urbanismo que admiran, louvan e veñen ver xentes doutras terras?, seguro que se sentiría tan orgulloso como nos sentimos nós os dous desta sociedade pontevedresa actual", preguntábase Vitoria Ogando, nacida en Bos Aires mentres que o seu marido é natural de Lugo. Narraron como foi a súa chegada a Pontevedra coa intención de marchar despois dun ano, pero nese tempo naceu o seu fillo, Paulo, e a partir de aí "a cidade e a xente de Pontevedra axiña nos engaiolaron e alá se foron as ganas de marchar. Como iamos deixar esta pequena cidade tan acolledora, os institutos nos que tan ben estabamos, o clima máis suave...?"

Ámbolos amosaron a súa felicidade por recoller este premio e compartírono cos seus fillos Paulo e Laura, e tamén co seu neto Aldán "o noso olliño dereito". Pero, ademais, quixeron compartilo con todo o profesorado do ensino público de Pontevedra, "que tanto mérito teñen" nestes tempos de pandemia. Tamén se referiron a Leonor González "Nené" e a Carmen Quinteiro, candidatas aos premios, destacando que todas as propostas foran de ensinantes, "sen dúbida a mellor profesión do mundo". Lembraron especialmente ao profesorado co que compartiron aulas nos dous institutos durante máis de trinta anos e ao alumnado que pasou polas súas clases.

"Que sorte a nosa, que herdamos dos devanceiros unha lingua e unha cultura que nos serviu para gañarmos a vida dignamente nunha marabillosa cidade", expoñía  Anxo González engadindo que coa chegada da internet viron a oportunidade de compartir tanto o que facían nas aulas como fóra delas. Así, desde 2005, comezaron o seu proxecto ogalego.eu. Ademais, a parella tamén comparte coñecementos na enciclopedia virtual Galipedia "da que moitos renegan máis todos consultan. Non gañamos un euro por todo este traballo, pero si moita fartura no corazón. Se nós recibimos dos nosos pais como agasallo unha lingua e unha cultura era a nosa obriga facer partícipes aos demais tamén de balde dos nosos coñecementos. E aínda por enriba dannos este premio". A súa intervención finalizaba cunha nova referencia a Castelao pronunciando as palabras coas que terminaba o seu escrito de 1947: "Meu Pontevedra!".

PREMIO Á PERSOA XURÍDICA

A continuación, Fernando Álvarez Cao, director deportivo do Club de Tenis de Mesa Monte Porreiro, agradeceu a Fisioterapia Aquiles que lles propuxera para o premio na modalidade de persoas xurídicas e ao xurado por conceder este premio que dá "valor ao noso club". Argumentou que Pontevedra é unha cidade especial, máxica, que respira deporte por todas partes e agradeceu, neste sentido, o traballo da corporación municipal, co alcalde e o concelleiro de Deportes, Tino Fernández, á cabeza. Tamén mencionou ás persoas que apoian ao club, aos pequenos colaboradores, a Julio Barral e á Deputación de Pontevedra, que permite que se poidan disputar encontros de nivel internacional.

"Do barrio a Europa", Álvarez Cao explicou que a entidade comezou cun obxectivo social grazas ao traballo desenvolvido polo seu pai, Lucho Álvarez, para sementar unha árbore que comezou con "unha ramiña moi pequeniña pero estable" e que creceu "a base de humildade, de cariño, de constancia, de non desesperar".

O representante do club de tenis de mesa fixo referencia aos logros conseguidos ao longo do último ano, "foi moi duro e conseguimos cousas incríbles" e destacou o traballo da sección feminina como unha aposta pola igualdade e tamén polo deporte de integración ao considerar que se trata dun deporte que permite tamén a participación de persoas con diferentes disfuncións.

Durante a súa intervención, agradeceu o traballo de numerosas persoas que realizan un labor imprescindible a cambio "dunha aperta". Fernando Álvarez pediu á corporación que se faga realidade o pavillón destinado ao tenis de mesa en Pontevedra e solicitaba que leve o nome do seu pai por plantar a semente que permitiu lograr todos estes éxitos deportivos actuais.

Lores: "Non fostes profesores, sodes profesores"

Tras os premiados, Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, referiuse a Vitoria Ogando e a Anxo González Guerra, mestres do Valle Inclán e do Sánchez Cantón, recoñecendo que centos de mozos sempre os lembrarán como dous exemplos de ensino e compromiso. O máximo representante municipal expuxo que non se lle ocorre acción máis  ddifícil que transmitir con éxito o coñecemento fondo que un ten nunha materia, en facelo con agarimo, en lograr prender esa mesma luz que eles posúen noutras mentes e ese labor, afirmou, realizárona "durante varias décadas" nesta cidade, "labor que Pontevedra nunca poderá pagar" polo fomento da lingua galega "que nos fai ser o que somos". Lembrou que en 2018 xa recibiran o Premio Xoán Manuel Pintos e que ademais tentan mellorar a información xeral como membros activos da Galipedia.

"Sodes parte dese dinamismo que fai de Pontevedra un fervedoiro de cultura e ideas. Non fostes profesores, sodes profesores. E supoño que nunca deixaredes de selo, de ensinar, de prender a curiosidade, de ser catalizadores da lingua e do país", manifestou Fernández Lores, agradecendo o seu traballo. "Quedamos agardando a vosa próxima lección", engadiu.

Tamén aplaudía ao Club Tenis de Mesa de Monte Porreiro afirmando que é un recoñecemento necesario, que lle outorga "a todo un barrio unha dignidade e un orgullo que toda a cidade ten presente". Indicou que este club é un exemplo de traballo "humilde" e "constante que Pontevedra precisa". Destacou que agora é un equipo internacional, que deixa a súa identidade alí onde xoga, despois de nacer como un proxecto pequeno, como un "equipo de barrio" que quería ofrecer unha alternativa saudable e de entretemento. O alcalde encomiou os logros conseguidos tanto no equipo masculino como no feminino e o coidado que ten pola base.

"Grazas por demostrar que o deporte non sempre depende dos medios cos que se conta, (que sabemos que son poucos e que estamos xa intentando mellorar); senón que depende da ilusión, do esforzo e das metas que nos propoñamos", apuntou o rexedor no seu discurso de felicitación ao club.

O acto que se celebraba no Teatro Principal nesta xornada de conmemoración do día de San Sebastián finalizaba coa interpretación do himno de Galicia.