#PonteLovers e a Asociación de Autónomos de Pontevedra uníronse para crear o plan 'Reinicia o teu negocio' (#PonteLoversPemes).
Unha das propostas incluídas nesta iniciativa, é un ciclo de sete encontros virtuais coa participación de expertos en xestión empresarial e asesoramentos individuais para 25 negocios ou microsectores, que se desenvolverán entre a segunda semana de maio e a finais de xuño, coincidindo coa fase 2 da campaña de recuperación das actividades comerciais de proximidade.
A responsable do departamento municipal, Yoya Blanco, recoñece a importancia deste tipo de plans de acción concretos cos que buscan dotar a autónomos e pemes de ferramentas ante un futuro incerto.
"Todas as análises coinciden en que o mercado virou e, por tanto, tamén o fixeron os consumidores", que atopan novas formas de consumo de maneira dixital, que segundo a edil do PSOE, "vai máis aló de ter aberta unha web, tenda online ou redes sociais. Hai novas oportunidades de negocio que aparecen e outras que hai que abandonar".
Por iso, ante a necesidade de realizar rápidos cambios organizativos, teconológicos, loxísticos, de comportamento comercial e de fórmulas de márketing e comunicación cos clientes, xorde este proxecto da plataforma #PonteLovers e APE-Galicia co financiamento da Concellería de Promoción Económica e Turismo.
Entre os obxectivos do plan 'Reinicia o teu negocio', van contemplar os de entender a dimensión dos cambios que se produciron e potenciar a actitude de reacción inmediata, favorecer a reflexión estratéxica en cada comercio e activar e guiar de maneira individual ou por microsectores as pemes de Pontevedra.
En canto ás accións que se van a realizar baixo o lema 'Compartindo experiencias', atópanse un primeiro ciclo de sete encontros virtuais con temáticas transversais para o tecido comercial e económico da cidade.
Celebraranse todos os luns e xoves e estarán coordinados polo consultor de negocios e formador en empresas Miguel Ángel Souto Fraga, director de CIMAK Consultores de Vendas e Márketing en Pontevedra, docente en Galicia Business School e APE Galicia, cofundador de Markea-Asociación Galega de Márketing e ex director comercial e márketing de Cerámicas de Sargadelos, La Voz de Galicia, Diario de Pontevedra e Engel & Völkers Galicia. .
Pola súa banda, Yoya Blanco adiantou que a segunda das accións do plan consistirá no asesoramento individualizado de 25 negocios ou microsectores. "Estas sesións deben ser singulares, porque cada negocio ou microsector é distinto. A través de videoconferencias con expertos en xestión empresarial, dunha hora cada unha, axudaráselles a enfocar ben a reapertura e a nova saída ao mercado cun plan de relanzamento".