Regueiro anima aos socios do Casino a ir votar a través dun vídeo

Pontevedra
22 de setembro 2018

Convidan a socios a participar nun encontro de fin de campaña este domingo, ás 20:00 horas, en El Cafetíno

Directiva de Alejandro Regueiro, candidato á presidencia do Liceo Casino
Directiva de Alejandro Regueiro, candidato á presidencia do Liceo Casino / Alejandro Regueiro

A campaña electoral para as eleccións á directiva do Liceo Casino chega este domingo á súa xornada definitiva e a candidatura encabezada por Alejandro Regueiro quixo aproveitar a última comunicación directa cos socios para animarlles a que vaian votar o próximo día 28 de setembro.

A mensaxe enviouna a través dun vídeo no que o propio Regueiro e varios socios de diferentes idades lembran que o Casino é de todos eles e, por iso, é tan importante que participen nos comicios.

Como acto final de campaña, esta candidatura convida os socios a un encontro que terá lugar este domingo, a partir das 20:00 horas, en El Cafetín.

Destacan que neste encontro poderase comentar o programa que presentou o equipo de Regueiro na súa liña de "expoñerse ás cuestións de todos" pois considera un alicerce fundamental ter unha "comunicación próxima e directa" para "seguir construíndo entre todos esta histórica sociedade".

Os puntos do programa do equipo de Alejandro Regueiro que máis destacaron foron os relacionados coa reforma dos estatutos para limitar a dous cuadrienios o mandato de presidente e contador, a creación dunha comisión social para levar a cabo accións solidarias na cidade, a transparencia na xestión e a firma de convenios con outras sociedades.

Neste sentido, adiantouse que esta candidatura ten avanzadas as negociacións para alcanzar concertos con instalacións de pádel, golf, hípica, náuticas e de benestar. Outra das propostas diferentes que foi moi ben acollida por socios é a creación dunha "biblioteca colectiva", que estaría formada por doazóns de libros que xa non se usen e que, precisamente por iso, sería un elemento vivo, en constante renovación.