A feira tradicional de Vilagarcía de Arousa recuperará a partir do próximo 1 de abril a súa localización histórica na praza do Castro (Martín Gómez Abal), segundo o acordo acadado entre o goberno municipal, a Mesa Local de Comercio e os vendedores ambulantes.
A decisión tomouse tras varias reunións entre o concelleiro de Promoción Económica, Álvaro Carou, e representantes dos feirantes, contando tamén coas recomendacións dos xestores da praza de abastos e da Policía Local.
Desde este martes 25, a rúa Arcebispo Lago quedará libre de postos de venda, unha medida necesaria polo inicio das obras en Conde de Vallellano.
Con esta medida quere facilitarse a carga e descarga para comercios e hostalería, ademais do acceso a garaxes da zona, durante as obras.
Os ambulantes valoraron positivamente esta reorganización, considerando que a concentración da oferta comercial nunha área máis compacta, situada entre Castro e o eixo Avenida da Mariña/Peixería-Dr. Carús; beneficiará tanto aos vendedores como aos usuarios, superando a dispersión que caracterizou o mercado nos últimos anos, segundo o goberno local.

A alternativa de utilizar o espazo posterior á praza da Verdura quedou aprazada temporalmente debido ás inminentes obras dos tanques de tormentas que a Xunta de Galicia ten previsto iniciar en xuño, o que inutilizará entre o 50% e o 75% dese espazo durante varias semanas.
O Concello destacou "o bo talante e a comprensión dos vendedores ambulantes" para chegar a un acordo que, segundo Carou, "beneficia a todo o mercado e a Vilagarcía no seu conxunto".