Regreso á barra do bar: "É como volver á vida"

Pontevedra
08 de xuño 2020

Os locais de hostalería teñen xa permiso para servir consumicións nestas zonas comúns e os clientes acolleron a medida con entusiasmo. "O faladoiro é mellor na barra", constatan Carlos, José Ramón e Félix, tres amigos que comparten viño na cafetería Queche 

Carlos, José Ramón e Félix na barra do bar Queche no primeiro día da fase 3 da desescalada
Carlos, José Ramón e Félix na barra do bar Queche no primeiro día da fase 3 da desescalada / Mónica Patxot

Coa entrada na fase 3 da desescalada recuperáronse imaxes que non tiñan cabida desde o 13 de marzo. Unha das que deixou máis alegrías foi o regreso á barra do bar. Os locais de hostalería teñen xa permiso para servir consumicións nestas zonas comúns e os clientes acolleron a medida con entusiasmo. "É como volver á vida", valoraban tres amigos de faladoiro na cafetería Queche.

Carlos, José Ramón e Félix gozan dun viño neste local da rúa Javier Puig mentres debaten sobre a situación actual e como cambiou a vida coa pandemia e conclúen que "o faladoiro é mellor na barra" e que a pesar de que hai dúas semanas que o local abriu as súas portas e eles gozaran de consumicións na terraza, poder regresar ao seu lugar habitual foi "unha alegría". 

Coinciden en que "con este confinamento, cambiou a vida a todos" e Carlos mesmo apunta que "nunca aforrei tanto na miña vida" ao non acudir regularmente aos bares, por iso é polo que valoran tanto instantes compartidos como o deste viño na barra do Queche. "Eu prefiro na barra e non alí", comenta José Ramón, que acode a diario a este local e botouno moito de menos durante as semanas de confinamento estrito. 

Dado que le a diario a prensa, xa sabía que este luns podería ir á barra e, aínda que gozou moito máis o viño co seu correspondente faladoiro de mediodía, non dubidou en madrugar xa para o café. Como el, moitos clientes. Lina, co propietaria do negocio, confírmao: xa a semana pasada moitos falaban mesmo de como ían situarse, desexosos de compartir barra. 

"Hai moitos usuarios que son de barra", constata, aínda que tamén recoñece que "se adaptaron ao que había". Este luns regresaron á barra xa desde primeira hora e con perfís variados: "hai quen vén aos cafés, hai quen se xunta para os viños ou as cervexas, dá igual".

Este paso máis cara á 'nova normalidade' que traerá a pandemia do coronavirus mellorará a clientela, pero Lina sinala que, en xeral, segue sendo moito máis reducida do habitual. "Non sei se a xente ten medo ou non, pero si que vai moi lento, non temos o que tiñamos, indubidablemente", explica.

O bar rexéntao xunto ao seu marido e durante estes meses a súa situación complicouse, "como a todos" pola falta de ingresos, de modo que, xa na fase dúas, abriron: "había que abrir, somos os dous autónomos, non temos outra. Ou iso ou a ruína, non hai máis".

Xa na fase 1 abrira outro dos locais nos que este luns se encheu a barra, Os Carballos, da praza da Verdura. María e Leida, cociñeira e camareira, confirman que xa desde as dez da mañá houbo clientes que optaron por esta localización, aínda que foi para o viño do mediodía cando se uniu. 

A xente xa "se está afacendo ás mesas", pero puideron comprobar que este luns "había moita xente ansiosa coa barra". Dous deles son José e Francisco, de 65 e 64 anos e con ribeiro na copa. Aínda que recoñecen que "a min tanto me serve na terraza como aquí dentro", apuntan a que habitualmente se sitúan na barra e botábano de menos. 

"Sempre estiven na barra, como para non estar agora...", relatan

No bar América de Riestra esta imaxes regresaron este luns ao mesmo tempo que as da terraza chea, pois foi o seu primeiro día de apertura. Non abriron nas fases 1 e 2 "porque tiñamos moitas dúbidas", tanto sobre como proceder como coa resposta dos clientes. Agora que xa volveu a actividade, non teñen queixa. 

O boca a boca funcionou, segundo constata José María, o seu propietario, pois nas primeiras horas de apertura practicamente non botou de menos a ningún habitual. Non chegou a cubrir o aforo permitido, pero "os de sempre volven estar" e eses habituais son, ademais, os que toman o café ou a cervexa apostados na barra