Regresa a Poio a campaña para que ningún neno quede sen xoguete este Nadal

Poio
12 de novembro 2024

As persoas que queiran participar na campaña solidaria 'Ningunha crianza sen xoguete' poden facer as súas doazóns ata o 29 de novembro de luns a venres no Pazo Besada ou na Casa Rosada

Xoguetes recollidos en Poio durante a campaña de 2020
Xoguetes recollidos en Poio durante a campaña de 2020 / Concello de Poio

Coa proximidade do Nadal, regresa a Poio a campaña solidaria 'Ningunha crianza sen xoguete'.

Esta iniciativa está pensada para garantir que ningún neno ou nena perda a ilusión polas festas de Nadal, sexa cal sexa a situación ou as dificultades económicas que haxa nos seus fogares.

As persoas que queiran participar poden facer as súas doazóns ata o 29 de novembro. Poderán ir de luns a venres ao Pazo Besada en horario de mañá e á Casa Rosada en horario de tarde. 

Desde o Concello de Poio lembran que os xoguetes deben estar limpos, en bo estado e con todas as pezas.

Rematada a recollida, o persoal do departamento de Servizos Sociais encargarase de realizar o reparto.

A concelleira de Benestar e Igualdade, Natividad Torres, anima á veciñanza a participar nesta iniciativa sinalando que doando os xoguetes que xa non se utilizan "temos a oportunidade de facer felices" a moitas nenas e nenos.

Ademais, esta campaña permite que o Nadal "tamén sexa unha época de maxia e de ledicia" para as familias en situación de vulnerabilidade.

Esta campaña é posible grazas á colaboración desinteresada da veciña Silvia Ramírez, de Samieira.