A Concellería de Benestar Social ultima a posta en marcha da reanudación do programa 'Cóllelle o gusto', unha iniciativa que comezou no outono de 2021 co obxectivo de promover e fomentar iniciativas de carácter artesanal entre a veciñanza.
Tal e como explica a concelleira delegada, Rosa Fernández, son actividades "pensadas para xente de todas as idades" e lembra que algunhas delas non se puideron celebrar pola sexta vaga da COVID-19 e tamén polas inclemencias meteorolóxicas.
Está previsto que estes obradoiros comecen na primavera. O primeiro deles será o taller de iniciación ao coiro, o venres 8 de abril, de 17.00 a 21.00 horas. A cota será de 15 euros, materiais incluídos. A través deste ciclo ofreceranse técnicas para marcar, facer un patrón, cortar a pel, coser e decorar. Cada participante levarase de recordo un moedeiro e unha funda de gafas personalizadas.
A esta iniciativa seguiralle o curso de cianotipia, unha técnica a cabalo entre a fotografía tradicional e o deseño, que permita elaborar copias de imaxes dun xeito sinxelo e creativo. A cita está fixada para o sábado 23 de abril, nos exteriores da Casa Rosada, de 10.00 a 14.00 horas. O prezo tamén será de 15 euros, materiais incluídos.
Xa en maio, o venres día 6 terá lugar un taller de iniciación á cestería, que servirá para lembrar e poñer en valor un dos oficios con máis tradición en Galicia. O horario será de 17.00 a 21.00 horas e, ao igual cas iniciativas anteriores, o prezo de inscrición será de 15 euros, con materiais.
Por último, o 20 de maio, a Concellería de Benestar Social impulsa un obradoiro gratuíto de 'book folding', unha técnica de decoración de libros moi orixinal.
Cada persoa inscrita deberá achegar o seu material. O horario tamén será de 17.00 a 21.00. Todas estas iniciativas terán lugar na Casa Rosada.
As persoas que estean interesadas en anotarse poderán facelo chamando ao número de teléfono 986872401, a través do cal tamén se lles achegará máis información sobre o programa 'Cóllelle o gusto'.
ACTIVIDADE EN SAUDEMENTE POR SAN VALENTÍN
Por outro lado, as máis de 100 persoas maiores que forman parte do programa Saudemente traballan estes días na elaboración de adornos con motivo da celebración do Día de San Valentín, o vindeiro 14 de febreiro. Os seus deseños permanecerán expostos nos locais municipais nos que se desenvolven as sesións. A través desta actividade tamén se busca fomentar a sensibilidade artística do alumnado, ao mesmo tempo que traballan a súa psicomotricidade.