O buque Ártabro que localizaba o pecio do Villa de Pitanxo nas augas de Terranova regresa despois de que, durante dous días, realizase gravacións do exterior do buque marinense que naufraga o 15 de febreiro de 2022 causando a morte de 21 tripulantes, doce deles desaparecidos.
Dous robots mergullables realizaron esas gravacións do buque como material que se incorporará ao procedemento xudicial aberto pola Audiencia Nacional para determinar as causas do naufraxio. A Audiencia Nacional mantén aberta a causa por 21 posibles delitos de homicidio por imprudencia e investígase ao patrón e á armadora do barco, Juan Padín e Pesqueiras Grupo Nores.
As familias coñeceron tamén a últimas horas do domingo que, durante a exploración, non se detectaron restos dos corpos dos doce tripulantes desaparecidos.
A empresa licitadora ACSM Shipping and Investigation entende que xa finalizaron a misión ao contar con suficiente documentación visual e a expedición regresa a porto. A portavoz das familias, María José de Pazo recoñece que quedaron sorprendidos ante a decisión da empresa cando comunicou o retorno xustificándoo en que xa tiñan "imaxes nítidas" do pesqueiro afundido.
O Ártabro recalará nas Azores o vindeiro venres 9 arredor das 10.00 horas (horario español) no porto de Ponta Delgada.