Regresa a Curro a gala solidaria 'Música por alimentos' coa súa oitava edición

Pontevedra
20 de maio 2022

Nesta ocasión, unha parte da recadación irá ata Ucraína en camións que levan axuda desde Galicia vía Polonia. A outra parte a destinarán a persoas en situación de vulnerabilidade ou en riesgo de exclusión social nos concellos de Pontevedra, Barro, Portas, Caldas de Reis, Meis ou Ribadumia

Alimentos recadados na gala solidaria de Curro
Alimentos recadados na gala solidaria de Curro / Fundación Amigos de Galicia

Tres anos despois do parón obligado pola pandemia pola covid-19, regresa a Curro a gala solidaria 'Música por alimentos', unha festa que celebra os seus oito anos axudando á Fundación Amigos de Galicia na recollida de alimentos.

Será o día 22 de maio no campo da festa onde todos os asistentes poderán facer a entrega de 1 quilo ou 1 litro de alimentos non perecedeiros.

Nesta ocasión, unha parte da recadación irá ata Ucraína en camións que levan axuda desde Galicia vía Polonia. A outra parte a destinarán a persoas en situación de vulnerabilidade ou en riesgo de exclusión social nos concellos de Pontevedra, Barro, Portas, Caldas de Reis, Meis ou Ribadumia.

Segundo destacaron desde o Concello, a anterior edición da gala solidaria foi "un éxito" e lograron recoller case 19.000 quilos de alimentos, unha cifra que desexan alcanzar este ano "para poder axudar a todas as persoas posibles".

A velada comezará ao redor das 16:30 horas coa festa do neno na que haberá hinchables gratis a cargo de Infantilandia. Paralelamente, a iso das 17:30 horas, comezará a música coas orquestras Finisterre, Claxxon e La Ola ADN.

Desde o Concello agradecen aos organizadores do evento, á comunidade de montes de Curro e Salnés Espectáculos, "que puxeran todo da súa parte para que esta gala puidese ver a luz".