Regades responde a Feijóo: "Non se pode normalizar os insultos a unha muller"

Pontevedra
18 de xuño 2021

O Partido Socialista da provincia de Pontevedra celebrou este venres na súa sede da capital a reunión  interparlamentaria para analizar o traballo do grupo socialista na Cortes Xerais, no Parlamento galego e na Deputación de Pontevedra. 

Reunión da Interparlamentaria do PSOE de Pontevedra
Reunión da Interparlamentaria do PSOE de Pontevedra / PSOE Pontevedra

David Regades, secretario xeral do PSOE na provincia de Pontevedra, mostrou a solidariedade do partido coa presidenta da Deputación, Carmela Silva, polos insultos machistas proferidos polo alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán. A este respecto, o socialista afeou a "indiferenza" do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e a súa resposta acusando os socialistas de insultar de forma recorrente. 

"Que busque unha declaración miña insultando a un representante político, sexa do partido que sexa", retoulle Regades, quen lamenta a intención do dirixente popular de "camuflar como conflito político o que é simple machismo".

"Hai violencia machista e hai milleiros de mulleres sufrindo agresións físicas, psicolóxicas e tamén verbais. Non se poden normalizar os insultos a unha muller polo feito de ser muller e iso inclúe tamén ás que están en política", rematou o secretario xeral dos socialistas en Pontevedra.

O Partido Socialista de Pontevedra celebrou este venres na súa sede da capital a reunión interparlamentaria para analizar o traballo do grupo socialista nas Cortes, no Parlamento galego e na Deputación de Pontevedra.

Así mesmo, acordaron fixar para o día 26 a reunión do comité provincial no que se analizará a estratexia do PSdeG-PSOE para os procesos orgánicos que se aveciñan como o congreso Federal e o congreso Nacional.

O calendario de vacinación, a denuncia da repartición de fondos por parte da Xunta a través de convenios con concellos gobernados polo PP ou a boa acollida do Plan Concellos da Deputación foron algúns dos asuntos repasados pola interparlamentaria.