Regades asegura que "o socialismo necesita construír un proxecto galego, distinto do de España"

Pontevedra
09 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

O PSdeG-PSOE da provincia de Pontevedra celebrou este sábado o Comité Provincial, máximo órgano entre congresos, para valorar os resultados das recentes Eleccións Autonómicas e deseñar a estratexia da organización provincial de cara ás próximas citas electorais e do inminente Congreso Nacional do que sairá a nova Executiva galega

Comité Provincial do PSdeG
Comité Provincial do PSdeG / PSdeG-PSOE

O PSdeG-PSOE da provincia de Pontevedra celebrou este sábado o Comité Provincial, máximo órgano entre congresos, para valorar os resultados das recentes Eleccións Autonómicas e deseñar a estratexia da organización provincial de cara ás próximas citas electorais e do inminente Congreso Nacional do que sairá a nova Executiva galega. 

Ao comité asistiron un cento de persoas que escoitaron a intervención do secretario xeral provincial, David Regades, e fixeron as súas achegas.

David Regades destacou que os resultados do pasado 18 de febreiro foron "moi malos, pero tamén demostraron que sen un PSdeG-PSOE forte non hai cambio posible en Galicia".

Afirmou que "o socialismo necesita construír un proxecto galego, distinto do de España, pensado para resolver os problemas dos galegos e galegas; un proxecto con nexos, pero recoñecible: somos o PSOE, pero necesitamos moito máis PSdeG". 

O secretario xeral provincial invitou a aprender tanto dos erros como dos "modelos de éxito" e recordou que nesta provincia hai concellos onde o socialismo logra o 70% dos votos. Regades destacou tamén o "modelo de unidade" que representa a provincia de Pontevedra nestes últimos anos, cunha dirección e unha militancia unidas e sinalou que, tendo en conta ademais que esta provincia "é a que achega os votos en Galicia" dixo que "non nos podemos permitir un Congreso galego no que a provincia de Pontevedra non conte".

Ademáis, invitou a reflexionar sobre o "peso" que o socialismo pontevedrés tivo na Executiva do PsdeG nestes últimos anos.

David Regades recalcou a necesidade dunha "análise sincera" dos resultados para os que, explicou, non hai unha única causa. Así apuntou á "falta dun proxecto claro para e por Galicia", ao "cambio constante de candidatos", ao adianto electoral e "ao mal entendido como voto útil en favor do BNG" ademáis dunha estratexia de campaña cunha "excesiva presencia do Goberno de España diluíndo así a voz do PsdeG" e ás "condicións adversas" derivadas da crispación política en España. 

Regades concluíu que "o PSdeG-PSOE sempre volve" e xa demostrou a súa "capacidade de remontada en anteriores ocasións".