O que antes era refugallo de obra, agora será material reciclado en Ribadumia

O Salnés
20 de marzo 2025

O Concello de Ribadumia quere apostar así pola economía circular a través da xestión de obras municipais coa reutilización de materiais de construción

Material de obras en Ribadumia
Material de obras en Ribadumia / Concello de Ribadumia

O Concello de Ribadumia decide afrontar un modelo de xestión sostible mediante a implantación dun sistema de reciclaxe de materiais procedentes de obras e demolicións.

Esta iniciativa, que se enmarca na aposta municipal pola economía circular, permite transformar elementos como a pedra, o formigón e o asfalto en novos recursos para futuras actuacións.

O proceso consiste na trituración dos materiais para obter áridos reciclados de calidade que logo son empregados en diferentes aplicacións municipais.

Estas novas materias primas teñen múltiples usos, desde o recheo de terreos ata a estabilización de firmes ou incluso novas pavimentacións.

A iniciativa supón unha dobre vantaxe para o municipio, segundo o goberno local. Por unha banda, permite reducir significativamente o volume de residuos xerados polas obras, minimizando o impacto ambiental das intervencións.

Por outra, representa un importante aforro económico ao dispoñer de materiais a un custo moito menor que os de nova extracción, segundo o Concello

A reutilización e o aproveitamento de materiais son fundamentais, destacan desde o goberno local, incidindo na xestión responsable que favorece tanto a protección do entorno como a optimización dos recursos públicos.