A Deputación de Pontevedra, no marco do acordo coa Unión de Consumidores de Galicia, incorporarán un segundo letrado para atender aos afectados por preferentes e subordinadas en cada unha das 9 oficinas abertas noutros tanto concellos da provincia. Así o anunciou este venres o presidente da Deputación, Rafael Louzán, quen salientou que se trata de que "absolutamente ninguén se quede sen atender".
A excelente acollida que tiveron as oficinas de asesoramento legal a afectados pola comercialización de produtos híbridos supuxo que neste primeiros días de funcionamento se atendese a 507 persoas, mentres que o ritmo de afluencia para solicitar cita está sendo dunhas 250 persoas diarias.
Para dar resposta a esta elevadísima demanda de asistencia xurídica, incrementarase a partir do vindeiro martes tanto o número de letrados como o horario de atención ao público.
Rafael Louzán incidiu en que "ante a avalancha de peticións de asesoramento que se está producindo, 2 persoas van traballar a partir da vindeira semana en cada unhas desas oficinas e, a maiores, en Pontevedra e Vigo o horario de atención ampliarase ás tardes". 25 persoas traballarán nesta rede de asesoramento que, inicialmente, está previsto que funcione durante dous meses, pero prevese a posibilidade de ampliala en función das necesidades.
Louzán subliñou que a posta en marcha desta iniciativa realizouse "no momento máis oportuno", xa que os afectados precisan resposta e asesoramento en relación ás quitas, ao procedemento de troco e sobre as posibilidades de recuperar o diñeiro que teñen a partir de agora. Toda esa información estáselle a ofrecer aos usuarios nestas oficinas de forma individualizada e en función das peculiaridades de cada caso.
XORNADAS INFORMATIVAS
A maiores, tamén na próxima semana comezaranse a impartir as charlas informativas nos concellos da provincia que o solicitaron, co obxectivo de achegar a máxima información posible a todos os afectados.
As charlas ofreceranse a partir das 20,00 horas e contarán coa participación de persoal experto na comercialización de preferentes e subordinadas, que darán resposta ás dúbidas máis frecuentes.