O Concello de Marín redobra o seu esforzo para apoiar o emprendemento. Nas próximas semanas, sairán as bases definitivas da nova etapa do Espazo Emprendedor do Parque Azul, que ampliará a 8 os postos dispoñibles para as persoas que queiran lanzar unha iniciativa empresarial.
Este espazo leva dous anos de funcionamento, a través dun acordo con AJE Pontevedra, centrado nos proxectos vencellados co sector da alimentación e da comercialización de produtos marítimo-pesqueiros.
Agora, o obxectivo será abrir a instalación a un maior número de persoas emprendedoras, pasando de dous postos de traballo a un total de oito.
A concelleira de Promoción Económica, Beatriz Rodríguez, explica que este espazo foi concibido para dinamizar a economía local dando apoio a aquelas persoas que queren emprender, fomentando o autoemprego, permitíndolles contar de forma temporal cunha instalación gratis para as súas necesidades básicas no nacemento do seu proxecto empresarial.
A concelleira explica que buscan "fuxir do concepto de despachos individuais e crear un espazo diáfano con oito postos de traballo que permita aumentar a capacidade do Espazo Emprendedor".
Tamén buscan que comece funcionar como unha aceleradora de proxectos con futuro, fomentando as sinerxias entre proxectos.
Ademais do aumento dos postos, haberá tamén un cambio no tempo máximo de permanencia, que se reducirá dos catro anos que estaban estipulados ata agora a un ano por proxecto, prorrogable outro máis en caso de necesidade. Desta maneira, buscan fomentar a rotación e que todas aquelas persoas que teñan unha idea e desexen desenvolvela, poidan facelo aquí.
Rodríguez adianta que estes postos non estarán subscritos só aos sectores do mar e da alimentación, senón a todo tipo de iniciativas empresarias, xa que a vinculación co mar e a innovación alimentaria sempre será un puntal do Espazo por todas as actividades paralelas que se organizan na súa cociña.