Reforzan a vixilancia policial sobre o cumprimento das restricións aprobadas pola covid-19

Pontevedra
26 de outubro 2020

Así, este luns a presenza policial nas rúas de Pontevedra foi constante. Un dos seus principais labores foi lembrar aos clientes da hostalería que o uso da máscara, tanto no interior dos establecementos como nas terrazas, é obrigatorio en todo momento

Vehículo da Policía Local na rúa Michelena
Vehículo da Policía Local na rúa Michelena / Mónica Patxot

As restricións impostas para frear os contaxios da covid-19 foron acompañadas dun reforzo na vixilancia policial para que os cidadáns cumpran coas medidas aprobadas. Así, este luns a presenza policial nas rúas de Pontevedra foi constante.

Un dos seus principais labores foi lembrar aos clientes da hostalería que o uso da máscara, tanto no interior dos establecementos como nas terrazas, é obrigatorio en todo momento. Só se poderá quitar no momento exacto de beber ou comer.

Ademais, os axentes da Policía Nacional e da Policía Local extremaron o control sobre o uso da máscara na rúa ou a prohibición de reunións de máis de cinco persoas, o límite máximo fixado en Galicia polo goberno autonómico.

Nos últimos días, segundo explicou a portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías, seis persoas foron denunciadas pola Policía Local por non facer uso da máscara. 

Ningún negocio comercial nin de hostalería recibiu denuncia algunha esta fin de semana por incumprir as restricións aprobadas polas autoridades sanitarias.

Con respecto a actuacións relacionadas coa pandemia, o goberno municipal de Pontevedra aprobou destinar case 130.000 euros á adquisición de materiais de hixiene e protección como máscaras, desinfectantes ou equipos de protección individual.

A subministración de todo este material estará regulado por un contrato que acaba de ser licitado polo  Concello e que terá unha vixencia dun ano, aínda que se prevén prórrogas anuais ata un máximo de cinco anos.