Que os nenos e nenas poidan contactar de xeito fluído coas súas familias mediante videoconferencias. É o obxectivo da actuación que vén de desenvolver a Deputación de Pontevedra en Príncipe Felipe co reforzo da plataforma telemática que permite as chamadas.
A situación extraordinaria provocada pola pandemia levou tamén ao goberno provincial a habilitar novos espazos en Agarimo e na Escola Fogar a fin de dotarlles de maior intimidade.
Esta actuación únese ao reforzo dos equipamentos informáticos, con ata 100 novos PC e 160 monitores, para que os menores poidan seguir as tarefas escolares e teñan máis opcións de entretemento por Internet con plataformas de televisión como Disney+ e Netflix.
Nestes días festivos, o centro está a desenvolver tamén menús de sobremesas especiais, habituais destas datas de Semana Santa.
Esta iniciativa se está a seguir no centro, pero tamén cos nenos e nenas do centro de día que agora están coas súas familias e que levan estes e outros produtos da Semana Santa no kit de alimentación diario que reciben nos seus domicilios.
SIMULACROS PARA O PERSOAL
Ademais, a Deputación está a desenvolver un plan de continxencia específico que foi elaborado para o persoal educativo, de limpeza, servizo de enfermería, mantemento, lavandería, vixilancia, manexo de residuos e desinfección.
Este plan leva aparellada a realización de simulacros a fin que todo o persoal, no caso de ser necesario, saiba como proceder en todo momento.
"Estase actuando e tomando decisións que van moito máis alá do que as normas esixen, porque o Príncipe Felipe é unha prioridade", sinalou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, que informou que tamén chegaron ao centro novos equipos EPI e máscaras.