A reforma da PO-308 entre A Barca e Casa Solla executarase por fases

Poio
10 de decembro 2024

A primera fase permitirá humanizar os cincocentos metros que van desde a Ponte da Barca ata a intersección coa estrada PO-310, a que vai cara a Boavista e A Caeira

Ámbito (en azul escuro) da primeira fase da reforma da PO-308
Ámbito (en azul escuro) da primeira fase da reforma da PO-308 / Xunta de Galicia

O proxecto impulsado polo Concello de Poio para a humanización da estrada PO-308, entre a Ponte da Barca e Casa Solla, recibiu este luns o apoio explícito do goberno galego.

A Xunta de Galicia, durante a reunión semanal do seu goberno, autorizou a achega de 1,2 millóns de euros para mellorar a mobilidade nesta estrada, unha intervención que se executará por fases.

Os técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas consideran axeitada esta división por fases e determinaron que a primeira sirva para acondicionar o treito inicial desta estrada.

Así, esta primeira fase permitirá humanizar os cincocentos metros que van desde a Ponte da Barca ata a intersección coa estrada PO-310 -que vai cara a Boavista e A Caeira- e o seu treito inmediatamente posterior, para resolver completamente esa zona.

A finalidade desta actuación é satisfacer as necesidades de todos os usuarios desta vía, os condutores e os peóns, coa creación dun espazo máis versátil e seguro.

O acordo inclúe unha serie de intervencións para a reordenación do espazo público da vía, 480 metros de lonxitude con delimitación clara do uso e funcións das distintas zonas: renovación do firme da calzada, pavimentación de beirarrúas, aparcadoiros e calzada cos carrís proxectados.

Tamén comprende a disposición de zonas de carga e descarga e prazas de estacionamento para persoas con mobilidade reducida, así como a humanización con zonas axardinadas e mobiliario urbano.

Na intervención inclúense, ademais, as canalizacións subterráneas para telefonía e electricidade, e a sinalización horizontal e vertical.

No que se refire aos compromisos establecidos no convenio, a Xunta, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, asume o 70% do financiamento destas actuacións, 1.214.451 euros.

Pola súa banda, o Concello de Poio achega o 30% restante, algo máis de 520.000 euros, redactará o proxecto para acometer e licitar esta actuación, e executará as obras.

Ademais, con este convenio a administración local acepta a transferencia de todo o dominio público viario do tramo inicial da PO-308 entre a ponte da Barca e a PO-310, entre o punto quilométrico 0 e o 0+320.

Tamén asumirá a transferencia de todo o dominio público viario asociado no treito de estrada PO-308 a partir do punto quilométrico 0+320 e ata o final do treito afectado pola execución das obras, salvo a calzada e as beiravías.